Yolanda Díaz: "En Estremadura daríalle a presidencia ao PP e en Euskadi non gobernaría co PNV"

Asegura nunha entrevista concedida a El País que non faría o que o seu partido en Estremadura e Euskadi. Reafirma a aposta de EU na concorrencia con Anova nas municipais mais salienta que a decisión depende agora da organización liderada por Beiras

Inquirida polo seu posicionamento a respeito dalgunhas das decisións máis polémicas adoptadas pola súa formación política --Izquierda Unida-- noutros territorios do Estado español, Yolanda Díaz recoñece que non adoptaría algunhas das decisións tomadas polos seus compañeiros de filas. Neste senso, Díaz afirma que en Euskadi non co-gobernaría xunto ao Partido Nacionalista Vasco como si fixo a súa organización no concello de Bilbo. 

O acordo entre ambos os dous partidos saíralle naquela altura a Ezker Batua --siglas de IU en Euskadi-- moi rendíbel pois con tan só 3 edís conseguía entrar na equipa municipal e facerse coa xestión de 3 áreas de goberno. Porén, Díaz amósase contraria ao pacto c@s jeltzales embora recoñece que se "fixo un bo traballo" en cuestións, di, "como vivenda". 

Oposición ao PP en Estremadura

Doutra banda, e en relación coa decisión adoptada formación en Estremadura, a vice-voceira de AGE afirma que "non" teria feito o mesmo cá el@s e que tería "apoiado a investidura do PP" mais con visos a desenvolver unha oposición máis firme. En 2011, os 3 edís eleitos por IU na Cámara estremeña abstivéronse no debate de investidura provocando a entrada no goberno do popular Monago. O coordinador xeral da formación, Cayo Lara amosouse publicamente contrario á decisión adoptada pola federación e mesmo chegou a tildar de "rebeldes" os deputados. 

Após fortes presións para que a formación apoiase a investidura dun presidente socialista, os parlamentares de Izquierda Unida mantiveron a decisión adoptada no seo dos seus organismos permitindo a chegada ao poder do Partido Popular. Ao contrario do anunciado, a oposición de IU ao goberno de Monago é feble.

EU mantén a man tendida a Anova para unha nova concorrencia nas municipais 

Na conversa que Yolanda Díaz mantén na sección galega do diario español, afirma --como xa o fixera na entrevista publicada por Sermos Galiza no número 45 do semanario-- que Esquerda Unida aposta pola concorrencia da coligación con Anova ás eleccións municipais e salienta a "converxencia ideolóxca" entre ambas as dúas formacións. Porén, afirma que terá que ser a I Asemblea nacional de Anova --que terá lugar en xuño-- a que decida se a coligación AGE se presenta ou non nos vindeiros procesos electorais. 

Comentarios