Yolanda Díaz: ''É indecente que por ser deputados nos paguen o ADSL na casa''

A vicevoceira de AGE anunciou que a súa formación política presentará varias iniciativas para botar abaixo os privilexios de que gozan @s deputad@s, cuxos soldos "non teñen nada a ver co que vive un traballador normal"


A vicevoceira de AGE no Parlamento galego, Yolanda Díaz, anunciou este domingo que a súa formación política porá en marcha medidas para eliminar os privilexios de que gozan @s deputad@s a través da presentación de varias iniciativas e após renunciar el@s propi@s á instalación dunha liña de ADSL nas súas vivendas, con cargo ao erario público.

En declaracións a unha emisora de radio, Díaz cualificou de "indecente" que por ser parlamentaria "nos paguen o ADSL na casa", e acrecentou que os soldos que cobran "non teñen nada a ver co que vive calquera traballador normal". Sinalou que reciben en bruto 1.900 euros, e outros 2.400 en dietas que non cómpre xustificar. Incomodan especialmente á deputada as retribucións desas dietas, sobre as cales non existe a obriga de declaralas perante Facenda, cuestión que tildou de "incomprensíbel". Así e todo, recoñeceu que na Cámara galega non hai "toda unha serie de privilexios" que si gozan no Congreso.

Na mesma conversa, Yolanda Díaz queixouse de que o Parlamento é unha institución "acartonada" e quen nela traballa está "pouco afeito a tocar a realidade". Porén, centrou os seus reproches no PP e no seu líder, o presidente da Xunta, subliñando a súa intención de converter "nun espazo pechado, a modo de mordaza" a Cámara galega.

Comentarios