Yolanda Díaz di que a situación de Calviño é "transitoria" mais desbota fixar data para a súa resolución

A vice-voceira de AGE tildou de "imponderábel" a situación criada arredor do escano de David Fernández Calviño. Díaz di que o conflito "se vai solucionar", aínda que non lle pon prazos ao desenlace. Yolanda Díaz admite que neste asunto houbo cousas "que non fixemos ben". 

Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida
photo_camera Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida

"Coido que non fixemos as cousas ben e temos a responsabilidade de tomar a decisión canto antes", asegurou Yolanda Díaz esta segunda feira en relación á crise aberta pola marcha do deputado Calviño a Copenhague. A dirixente de EU pronunciouse nestes termos á saída do encontro que mantivo hoxe co secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro. 

A vice-voceira de AGE e coordenadora nacional de Esquerda Unida recoñeceu así que a coligación cometera erros na xestión deste asunto, se ben nese exercicio de "autocrítica", como ela propia definiu, non debullou cales foran. 

Neste senso, cumpre lembrar que Carmen Iglesias Sueiro denunciou en conversa con Sermos Galiza non ter coñecemento da existencia dun acordo entre Anova e EU para garantir o equilibrio na coligación até estourar o conflito. 

Así as cousas, Yolanda Díaz considerou que AGE debe acordar unha solución a este "problema" con certa celeridade e mesmo tildou de "transitoria" a actual situación do de Toén --que combina o seu labor como investigador en Dinamarca coa acta de parlamentar.

As actas para as organizacións

"Vaise solucionar", insistiu Díaz, para quen na polémica arredor do escano do deputado Calviño ten habido moita "hipocresía". A dirixente de Esquerda Unida recuncou en considerar "lexítimo" o debate arredor da titularidade das actas que, entende, corresponden ás organizacións políticas e non @s deputad@s. "Non é moi coherente", sinalou, que se "privaticen" as cadeiras do hemiciclo nun sistema electoral en que as listaxes están "bloqueadas" e na que a "participación dos cidadáns é ningunha". 

No entanto, unha parte da polémica suscitada reférese a esta cuestión, dado que Calviño, até finais de setembro tamén concelleiro en Toén, non entregou no seu momento a acta ao BNG, a listaxe pola que concorreu ás eleccións municipais.

Comentarios