Yolanda Díaz defende que encabece a candidatura da Marea unha persoa independente

A coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea-Podemos no Congreso, Yolanda Díaz, asegurou que lle gustaría que “o candidato de En Marea á presidencia da Xunta non fose de parte”.

Yolanda Díaz
photo_camera Yolanda Díaz

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Yolanda Díaz apuntou a respeito da candidatura que se artelle arredor de En Marea de cara ás eleccións galegas que gostaría de que o cabeza de lista “non fose de parte”, é dicir, “que non sexa de Anova, nin de Podemos nin de IU”.

Yolanda Díaz, que se descartou como candidata, pechou tamén as portas aos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol. “Estou xogando outro rol, son unha muller seria, e creo que se unha persoa se presenta de alcalde debe de cumprir cos mandatos que se lle outorgan”, apuntou.

"Como Luís Villares hai moitos en Galiza"

Sobre Beiras, afirmou que “é o mellor das nosas xentes, pero sei que hai moitísima xente con novos perfís que van operar neste proceso”. Expuxo, a continuación, que o nome do maxistrado Luís Villares para encabezar a lista “sería estupendo, pero non tiven oportunidade de falar con el e non sei moi ben cal é a súa decisión”. Como Luís Villares, engadiu, “hai moitos en Galiza”.

“O que temos que facer é poñelos enriba da mesa –os nomes de persoas que puidesen aspirar a encabezar a coligazón de En Marea- e tratalos con coidado, sen filtracións nin vella política”, subliñou a coordinadora de EU.

Aposta en repetir as listas de En Marea ao Congreso, alén "dalgún retoque"

A respeito da experiencia de En Marea no Congreso, dixo non compartir “en absoluto” a sensación de Beiras de que faltou sintonía, “ademais el non está alí e nós si estamos alí. Fixemos un bo traballo, fixemos os deberes e como grupo con moitas carencias e precariedade, funcionamos ben”. Neste contexto, apostou en repetir as listas de En Marea, alén “dalgún retoque”.

Comentarios