Yolanda Díaz cuestiona os orzamentos do Estado porque "esquecen Galiza"

A coordenadora de EU interveu no Pleno para fixar a posición de En Marea no debate dos orzamentos.

unnamed (1)
photo_camera Yolanda Díaz, durante a súa intervención

A parlamentar ferrolá censurou duramente os orzamentos en dous planos, no da política galega -"esquecen Galiza"- e no xeral do Estado -incluirían "máis de 5.000 millóns en recortes". De paso lanzou un ataque ao PSOE, ao que colocou no mesmo saco que Cs como "socios do goberno".

A respeito da Galiza, obxectou que os orzamentos reducen o investimento a respeito de 2016 en 32,9 por cento -pasan de máis de 1.329 millóns a 891,7- , ao tempo que criticou que esquezan "cuestións importantes", entre as que aludiu a situación do sector lácteo ou o salvamento marítimo.

"Sabe [dixo, interpelando a Montoro] que os nosos gandeiros venden o leite por debaixo do seu valor de produción? Sabe que se tivésemos outra catástrofe do Prestige estaríamos en idéntica situación, con consecuencias terríbeis?", perguntou Díaz.

Denunciou asemade a carencia de partidas para dotar o país dun servizo de cercanías e os moi cativos fondos que se destinan ao saneamento das rías. "É unha vergoña a consignación orzamentaria das rías. Un só exemplo, a Ría do Burgo precisa 48 millóns de euros, e só destinan un millón. É un insulto".

A parlamentar defendeu a emenda á totalidade a estas contas do grupo na que se acha inserida, o confederal de Podemos, Esquerda Unida, En Comú Podem, En Marea e Equo. Nesa emenda, como informou Sermos, non aparece ningunha referencia concreta aos problemas da Galiza.

Comentarios