Yolanda Díaz contrapón o modelo fiscal do Goberno español fronte aos "regalos ás elites" de Raxoi e Feixoo

A ministra de Traballo defendeu a necesidade dunha reforma dos ingresos públicos.
A ministra de traballo, Yolanda Díaz, nun acto en Vigo hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nun acto en Vigo hoxe. (Foto: Europa Press)

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, respondeu este sábado ás críticas que o ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, manifestou no ‘Foro A Toxa’ sobre as medidas fiscais do Executivo estatal, e defendeu que está precisamente "corrixindo" a "enorme brecha de desigualdade" xerada polo modelo do PP e "de Raxoi e Feixoo".

Díaz subliñou que, o que fixeron os dirixentes populares coas súas políticas foi xerar unha "enorme brecha de desigualdade" no Estado español, cunha reforma laboral "pensada para empobrecer salarialmente" o Estado, facer a poboación española "máis desigual" e "causar un enorme sufrimento". "Unha reforma, ademais, pensada contra as traballadoras", engadiu.

Pola contra, o Goberno de Pedro Sánchez está "a corrixir esas desigualdades" e, por primeira vez, un Executivo "baixa impostos aos que menos teñen, e ás pemes e autónomos", mentres que deberán pagar máis "as grandes empresas e as rendas de capital", segundo recalcou.

"Si, os modelos son diferentes. Falando de Robin Hood, o modelo do PP é facer agasallos ás elites, a uns poucos, aos que sempre gañan; e o noso é baixar impostos a quen menos ten. Efectivamente, imos en dirección contraria", sentenciou.

Reforma "estrutural"

Cuestionada acerca de se Unidas Podemos está satisfeita coas medidas ou esperaba unha acción máis ambiciosa, Yolanda Díaz lembrou que a súa formación defende, desde o arranque da lexislatura, "unha reforma estrutural en materia de ingresos públicos".

Respecto diso, admitiu que "toca facer unha reforma fiscal" para acomodar a estrutura de ingresos públicos "ás necesidades do século XXI", que nada teñen que ver coas século pasado.

"Somos defensoras dunha reforma profunda que avance no mandato constitucional, para que contribúan as grandes tecnolóxicas, que avancemos cara a unha fiscalidade verde, e cara á abordaxe de todas as enxeñerías fiscais de gran complexidade das grandes empresas", sostivo.

Con todo, subliñou que en Unidas Podemos están "satisfeitas" co pacto alcanzado, e a reforma fiscal anunciada estes días é "positiva" para o Estado español. "Imos aos poucos, porque imos lonxe", proclamou, e defendeu as medidas do Goberno estatal.

Comentarios