Yolanda Díaz apela desde O Courel a acabar co despoboamento da "España baleirada"

O novo proxecto político de Yolanda Díaz, Sumar -tras Izquierda Unida, AGE, En Marea e Galicia en Común-, recalou esta quinta feira na Galiza, na que é a súa primeira saída da capital española tras a súa presentación, para "demostrar que se pode vivir nun rural vivo", pero que precisa un "novo contrato social" para acabar co despoboamento da 'España baleirada'.

Oliver Laxe, á esquerda, e Yolanda Díaz (centro), Branca Novoneyra e Marta Lois escoitan un veciño (Imaxe: Sumar)
photo_camera Oliver Laxe, á esquerda, e Yolanda Díaz (centro), Branca Novoneyra e Marta Lois escoitan un veciño (Imaxe: Sumar)

O lugar escollido pola formación para abordar o tema foron as montañas do Courel, concretamente na Casa-Museo do poeta galego Uxío Novoneira a quen Díaz, que chegou da man da súa filla, garda, dixo, un grande agarimo.

A vicepresidenta do Executivo español estivo acompañada polo secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez Reino, xunto á súa familia; así como por Branca Novoneira, a concelleira de Compostela Aberta Marta Lois, ou o cineasta Óliver Laxe.

A localización, insistiu, non é casual, pois supón unha forma de mostrar ao resto do Estado español "un gran descoñecido: un pulmón magnífico que se chama Galiza".

Alusións á "España baleirada"

"Arrincamos Sumar na Galiza sabendo que temos unha tarefa pendente desde hai 60 anos, nos que o cambio do modelo produtivo trouxo consecuencias tan tremendas como o despoboamento rural -a España baleirada-", explicou.

A tamén ministra de Traballo relatou como o cambio na agricultura e a gandaría, "que pasou de ser de proximidade, de calidade, humana e sostíbel", a un modelo intensivo, "que non é correcto", desembocou en que, "a medida que se estendían as zonas de monte, se fose perdendo poboación rural".

A este respecto, Díaz mostrouse crítica coa xestión das Administracións "de todas as cores políticas". "A cidadanía abandona o rural fundamentalmente porque as Administracións abandónano. Só actúan na extinción de incendios e facer isto, como política pública, é actuar cando o dano xa está feito", argumentou.

Insistiu en "atallar" as causas que producen o abandono rural, unha delas a falta de servizos. Sobre este tema, a líder de Sumar instou a subscribir un "novo gran pacto", "un novo contrato social entre o rural e o urbano". "Os habitantes do rural teñen os mesmos dereitos que os que viven nas cidades. Un contrato social coa terra é fundamental", aseverou.

Un "acto de escoita"

Os temas avanzados por Díaz foron tamén os abordados no 'acto de escoita' -así define a vicepresidenta as reunións que mantén con expertos e profesionais de distintos ámbitos no marco de desenvolvemento do seu proxecto político- que ocupou gran parte da xornada.

Nela participaron desde agricultores e gandeiros, a emprendedores no rural, veciños da parroquia e traballadores na extinción de incendios. Todos eles, en quendas de dous minutos, expuxeron os problemas aos que se enfrontan, as súas necesidades e as solucións que lles gustaría recibir por parte de todas as Administracións.

Referíronse así a políticas públicas desde o rural, que non só atraian poboación senón que tamén impliquen aqueles que xa viven nesas vilas e aldeas; trámites burocráticos máis simples; máis servizos -principalmente Internet-; e unha xestión adecuada do solo para loitar e, sobre todo, previr os incendios.

Comentarios