Yolanda Díaz afirma que vai “traballar para que Carmen Iglesias recapacite” e renuncie ao escano

A viceportavoz de AGE e coordinadora de EU asegura, nunha entrevista na Radio Galega, que “nun tempo máis curto que nada” vai resolverse o problema xerado ao non renunciar Iglesias a ocupar o escano que deixará vacante Calviño.

Yolanda Díaz
photo_camera Yolanda Díaz

“Vou traballar para que recapacite e se sitúe no marco da súa organización política”. Así se manifestou Yolanda Díaz, vice-portavoz de AGE e coordinadora de Esquerda Unida, en micrófonos da Radio Galega ao ser preguntada sobre Carme Iglesias Sueiro (EU), número 2 da lista da Alternativa en Ourense e que se nega a deixar correr a lista para que a vacante de Calviño (Anova) pase a ser ocupada por Iolanda Pérez Docampo, desa organización.

Para Yolanda Díaz, “nun tempo máis curto que nada AGE vai resolver esta situación”. A coordinadora de EU rexeitou que Calviño manteña o escano toda a lexislatura e sinalou que o feito de que aínda siga a ser deputado “é transitoria”. Díaz rexeitou que esta problemática prexudique a Alternativa Galega de Esquerdas ante a cidadanía.

É máis, a viceportavoz de AGE considera que este tirapuxa co escano de Ourense o que “está evidenciando é que temos graves problemas na nosa sociedade, pois que unha persoa moza, que ten dúas carreiras, teña que emigrar porque no seu país non ten saída é unha situación dramática”.

“A carón da xente”

Yolanda Díaz insistiu en que AGE é unha formación que vai estar sempre “a carón da xente” . Avogou por que nas eleccións Europeas haxa unha “fronte ampla da esquerda plural” e lamentou que o BNG, dixo, “non queira sequer sentar con Esquerda Unida para falar”, mais apuntou que “non perdo a esperanza”.

Comentarios