Yolanda Díaz admite apostas diferentes de EU e Anova para as eleccións galegas

A coordinadora de EU, Yolanda Díaz, asegura que “non hai ningún risco” de ruptura por parte de Anova, aínda que admite diferentes apostas da súa formación e do partido que lidera Xosé Manuel Beiras de cara ás eleccións galegas.

Beiras e Yolanda
photo_camera Beiras e Yolanda

A coordinadora de EU e deputada do Grupo Confederal de Podemos-En Marea, Yolanda Díaz, apelou á “altura de miras” das organizacións que conforman En Marea a respeito da concorrencia ás eleccións de xuño e logo de que Anova anunciara que consultará a militancia na vindeira semana sobre a fórmula xurídica de En Marea. “Sería un erro que EU, por intereses propios, non participase nesta alianza”, sinalou en declaracións aos medios na xornada preparatoria que realiza este sábado EU de cara á Asemblea Federal de IU en Madrid.

Preguntada polas diferenzas políticas con Beiras, Yolanda Díaz asegurou que o debate arredor da fórmula xurídica de En Marea foi “bastante estéril” e admitiu que existen “diferentes apostas para as autonómicas, e iso é moi lexítimo para Anova, para EU e para Podemos e as forzas que haxa neste país”.

Aposta polas Mareas en Común

Nesta reunión, na que EU elixe os 17 delegados e delegadas que asistirán á asemblea de Madrid, acordouse que a formación defenda unha aposta “clara e nítida” nos procesos de unidade popular. Así o afirmou en declaracións medios Rubén Pérez, secretario de Organización de EU: “Imos facer unha aposta en consolidar o espazo das Mareas en Común e agrandalo xunto co espazo de En Marea que se construíu para as xerais”.

Comentarios