Yolanda Díaz admite que AGE está a decepcionar e pon en dúbida que concorran como tal nas municipais

"AGE leva tempo sen facer as cousas ben e creo que temos que rectificar", dixo Yolanda Díaz nunha entrevista en Radio Galicia-SER.

Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida
photo_camera Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida

Yolanda Díaz defendeu durante toda a entrevista que comezaba agora unha nova etapa para a coligación, despois dun tempo no que os problemas da organización supuxeron, ao seu ver, unha “decepción” para a cidadanía. “Claro que nos vai afectar”, dixo, en relación a se esta situación terá consecuencias nos resultados electorais das próximas europeas. “Alternativa Galega leva tempo sen facer as cousas ben e creo que temos que rectificar e comezar a traballar comprometéndonos co programa alternativo que temos”, dixo. 

A preguntas sobre a mínima diferenza que conduciu a que Anova aprobara ir ás eleccións europeas na candidatura de IU, Díaz manifestou que era consciente de que os seus socios no Parlamento Galego tiñan “a alma dividida”. 

“Temos que consolidar a máis de 200.000 persoas que dixeron si á unidade da esquerda”, afirmou Iolanda Díaz ao tempo que recoñecía que a “cidadanía castiga as divisións internas”. “Os cidadáns estiveron observándonos para que puxeramos orde en todo isto e agora comeza unha etapa nova”, dixo ao tempo que engadiu que “teñen a obriga de construír a alternativa e volver ser o revulsivo para a xente do noso país”. 

A preguntas de se Anova fixo a autocrítica que estaba ela recoñecendo en Izquierda Unida, Yolanda Díaz respondeu referíndose á “xenerosidade” de Espazo Ecosocialista. “Hai que recoñecer que non fixemos ben as cousas e pechar o ciclo”, concluíu sen confirmar a súa opinión a respecto do que acontecerá nas próximas eleccións municipais. “O bonito sería que o noso país estivera convertido nun mapa cheo de xente con  distinta maneira de facer política e con pluralidade”, afirmou, referíndose á integración de colectivos e entidades sociais. “A esquerda ou é mestiza ou non é”,  defendeu Díaz. 

Comentarios