Responsabilízao de non querer negociar unha coalición

Yolanda Díaz acusa a Villares de "andar rompendo Mareas" por toda Galiza

Yolanda Díaz no Congreso
photo_camera Yolanda Díaz no Congreso

A candidata de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz, responsabiliza Luís Villares de "andar rompendo Mareas" por toda Galiza e de non querer negociar para formar unha coalición para as eleccións xerais do vindeiro 28 de abril. 

Nunha entrevista en Radio Nacional de España, a política ferrolá sinalou que leva "traballando con moitísima xente desde 2012 -a fundación de Alternativa Galega de Esquerda- para ter espazos de cambio unitarios" e afeou "aos que chegaron despois" de ter "unha traxectoria de rompelo todo". Insistiu Díaz en que o portavoz parlamentar de En Marea "ande rompendo Mareas" por todo o país e laiouse de a Villares "o acompañen persoas expertas en rompelo todo e que son pasado", aludindo así á situación que se está a vivir en Ferrol, cidade na que foi concelleira desde 2003 até 2012, co xurdimento de dúas opcións -Marea de Ferrol, apoiada polo propio Villares- e Xuntos Actúa -con Carlos del Río á cabeza- chamadas a competir polo mesmo espazo electoral que Ferrol en Común -que ostenta a Alcaldía da cidade-. 

"É evidente que Luís Villares non quixo negociar e creo que ten que ser responsable do que fixo", subliñou a candidata de En Común por Pontevedra. "É unha tristeza", engadiu, "e creo que a xente ten que saber que Villares non quixo a unidade do noso país. Eu síntoo". Sobre o feito de se presentar pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz asegurou que ela "é a candidata de Galiza". 

A candidata de En Común-Unidas Podemos lamentou tamén que as medidas propostas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sexan, ao seu xuízo, "unha pista de saída para pactar con Ciudadanos". "A percepción que teño é que os votantes socialistas non queren un pacto con Ciudadanos", pois, aseverou, "dese xeito non vai haber cambio posíbel". 

Comentarios