ENCONTRO CIDADáN POR UNHA MAREA GALEGA

As "bases" da futura candidatura galega "deben permitir abrirse máis e non fechar"

O Encontro Cidadán por unha Marea Galega desenvolveuse en Santiago de Compostela ao longo da xornada para acadar unha “candidatura unitaria galega” baseada, segundo a organización “na confluencia e os puntos en común”.

[Imaxe: @xabiervillares] Unha das relatoras do encontro
photo_camera [Imaxe: @xabiervillares] Unha das relatoras do encontro

Máis de 250 persoas, segundo a organización, participaron no día de hoxe no Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Amais de persoas a título individual, participaron na xornada membros das distintas candidaturas municipais cidadás, así como colectivos sociais –entre outros, Marea Branca ou Stop Desafiuzamentos. Fixérono en mesas redondas e grupos de traballo no que se debateron cuestións como o proceso participativo cidadán, tal e como recolle Europa Press.

En declaración aos medios durante a mañá, Gonzalo Rodríguez, un dos promotores do encontro, tal e como adiantara nunha entrevista con Sermos Galiza, sinalou que o obxectivo da xornada pasaba por “poñer en común as ideas de todos” de cara a conformar unha candidatura.

Afirmou que as bases da futura candidatura deben permitir “abrirse máis e non fechar” e salientou que é necesario falar do que une as diversas forzas e non dos “flocos que non son o corazón do problema”. En relación coa “suma” de Podemos ou o BNG á candidatura unitaria, Gonzalo Rodríguez puntualizou que estes deberán participar “exactamente nas mesmas condicións” que as mareas.

Compostela aberta prognostica que deste encontro nacerá o agrupamento dos movementos cidadáns nunha candidatura galega

En declaracións recollidas por Europa Press, Compostela Aberta insistiu en “reivindicar” a construción da candidatura “desde abaixo” e prognosticou que deste encontro “nacerá” o agrupamento dos movementos cidadáns nunha candidatura galega. Compostela Aberta, a través de Jorge Duarte, edil de Santiago, fixo un chamamento os partidos a se integrar no proceso para, a continuación, aprobar un código ético e un calendario de primarias.

Sobre Podemos, Duarte puxo de manifesto que é “importante” que “recoñeza” que os procesos políticos novos xorden “desde abaixo para organizarse cara arriba”. Ademais, considerou “fundamental” a participación de todos os partidos que apoien esta visión. Citou, ao respecto, o BNG, Anova, IU ou a propia Compostela Aberta.

Non existe a posibilidade de dúas candidaturas unitarias

Europa Press tamén se fixo eco das declaracións de diferentes forzas municipais, que aseguraron que non existe a posibilidade de que concorran ás eleccións xerais dúas candidaturas unitarias. Amais de Duarte, pronunciouse ao respecto o ex alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas “Mini” (BNG), quen perdeu a Alcaldía por unha moción promovida polo PP co apoio dun edil que se presentara na candidatura do PSOE. “Mini” salientou que dúas candidaturas de esquerda que pensen en Galiza sería “unha estupidez”.

Sobre o BNG, “Mini” puxo de manifesto que a formación nacionalista está “máis aberta do que moitos crían” e engadiu que a xenerosidade “debe ser de todos”. Fixo fincapé na “humildade e a xenerosidade” para que o esforzo saia adiante, que é “o que pide a berros Galiza”.

Comentarios