O BNG acusa a Feijóo de querer ''eliminar'' o Valedor para ''silenciar'' as queixas da cidadanía

O presidente da Xunta recoñece que ''eu estou máis cómodo sen Valedor", mais descartou a posibilidade de a vacante que deixou Benigno López ficar sen cubrir porque na Galiza a figura vén no Estatuto

O BNG acusou esta segunda feira ao PP de tentar modificar a lei que regula a figura do Valedor do Pobo "para adiar o nomeamento" e "silenciar" as denuncias da cidadanía. Logo da dimisión de Benigno López pola presión social tras apoiar os recortes nos servizos públicos e apuntar cara a suspensión da Lei de Dependencia, a publicación no DOG --Diario Oficial de Galiza-- da vacante no cargo chegou pouco antes de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerase conveniente a desaparición da institución do Valedor nunhas declaracións feitas en Madrid.

A voceira do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, considerou "desafortunadas" as palabras do presidente galego, e pediu que as rectificase. Pontón chamou a unha "remuda" na figura do Valedor antes do remate do período de sesións, e acusou o PP de "utilizar escusas e minguar a capacidade da institución para xustificar a súa definitiva desaparición".

Pola súa banda, Feijóo --que achacou a problemática acontecida con López a unha "crise de sobreactuación"-- recoñeceu que, efectivamente, "como vostede pode imaxinar, eu estou máis cómodo sen Valedor, entre outras cousas porque non teño ninguén que me critique", mais descartou a súa eliminación, como propuxeron outras comunidades, xa que no caso de Galiza é unha figura recollida no Estatuto.

Aínda así, apostou nunha rebaixa de "como mínimo" o 25% dos gastos do alto comisionado no Parlamento. O orzamento destinado ao Valedor foi durante o mandato de López un 8.5% maior que antes do seu nomeamento, dispondo neste ano de 2.027.945 euros, 157.000 máis que hai cinco anos. O soldo superaba os 70.000 euros brutos ao ano.