Teresa Táboas non descarta un NPC con Beiras á cabeza

A ex-conselleira define o voceiro nacional do Encontro Irmandiño como ''o gran líder do nacionalismo moderno'' e di que o seu papel no proxecto nacionalista que está a xestarse terá que ser ''importante''

A ex-conselleira Teresa Táboas non descarta que Xosé Manuel Beiras volva á primeira liña política como líder do novo proxecto nacionalista que están a artellar varios axentes políticos.

Nunha entrevista, que Táboas dedicou practicamente na súa totalidade a falar dos "tempos", sinalando que estes non poden vir fixados "polas citas electorais" e criticando "a urxencia que queren marcar algúns desde fóra", a que fora titular de Vivenda co Goberno bipartito dixo que a día de hoxe "non hai diferenzas de liderado" na xestación dese Novo Proxecto Común --NPC--, pois é esta "unha cuestión secundaria".

Táboas critica "a urxencia que queren marcar desde fóra"

"Se se decide seráo, por suposto. Cal é o problema?", cuestionou ao insistir na posibilidade de que o voceiro nacional do Encontro Irmandiño encabezase o NPC. Táboas asegurou que nas negociacións que están a se producir fica claro que o de Beiras "xa foi e terá que ser un papel importante, porque estamos a falar do gran líder do nacionalismo moderno".

Evitou falar de si propia e das súas responsabilidades, apuntando que "xa se verán nun futuro", indicando que a día de hoxe o proxecto "hai que traballalo" para garantir que teña permanencia e "que sirva de ferramenta política ás persoas que se senten parte dun País". Teresa Táboas abandonou a corrente Máis Galiza despois das eleccións municipais do 20 de novembro por discrepancias con Carlos Aymerich, e deixou a acta de deputada no Parlamento galego en febreiro deste ano. A nacionalista recoñeceu que "non tiven moito tempo para pensar", pois mantívose fóra da Galiza practicamente desde que deixou o escano no Hórreo, mais aclarou que "si, estou orgullosa" das decisións políticas tomadas.

Máis Galiza, Acción Galega e EcoGaleguistas asinan un acordo que Causa Galiza interpreta como ''unha negativa'' a acatar as decisións das bases. A FPG súmase aos debates

Entrementres, a xestación do NPC segue o seu curso. As correntes Máis Galiza, Acción Galega e EcoGaleguistas mantiveron unha xuntanza na quarta feira, após da que anunciaron un acordo sobre principios políticos e programáticos que será presentado de xeito inmediato á cidadanía para sometelo a un proceso aberto de deliberación pública e participativa. Da reunión formou parte tamén Encontro Irmandiño, que non subscribiu o acordo nin asinou o comunicado remitido aos medios. Pola súa banda, a Fronte Popular Galega --FPG-- fixo público ese mesmo día que se sumará aos debates nas asembleas "de maneira construtiva".

O acordo asinado polas tres correntes foi valorado desde Causa Galiza --que se implicou nos debates arredor do NPC cunha liña de diálogo aberta tamén co MGS e a UPG-- "como unha negativa d@s asinantes a se submeteren ás decisións e acordos adoptados nas asembleas nacionalistas de base". A plataforma soberanista constatou ademais "a evidencia de que consideran máis relevantes as expectativas electoralistas de curto prazo que a propia definición dun proxecto útil para facer país".

Causa Galiza non abandonará o debate, pois entenden que "é posíbel" perfilar un proxecto político "que combine loita ideolóxica, institucional e de masas". Por isto, presentaron xa unha proposta de bases para sometela á deliberación e discusión nas asembleas.