25 e 26 de marzo

XVI Asemblea Nacional, unha cita para "reforzar o proxecto do BNG como alternativa real de cambio"

O cónclave porá o ramo ao 'Proceso Adiante', impulsado en febreiro e no que decorreron 120 asembleas, nas que tomaron parte máis de 2.000 persoas. Ana Pontón fala dunha asemblea “clave" para "reforzar o proxecto do BNG como alternativa real de cambio”. 

BNG3

O 25 e 26 de marzo o BNG realizará a súa XVI Asemblea Nacional, unha cita que vén culminar meses de debate nas bases nacionalistas a través do 'Proceso Adiante'. Un cónclave do que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “sairá, estou segura, un BNG reforzado cunha meta clara: ser a alternativa ao PP en catro anos”.

O Consello Nacional do Bloque aprobou este sábado o calendario da XVI AN, un proceso que arranca este 20 de decembro coa constitución da comisión redactora dos relatorios que, xunto co regulamento da asemblea, serán aprobados polo Consello Nacional o 18 de febreiro. Ao longo dun mes a militancia debatirá e realizará achegas. O 20 de marzo é o prazo límite para a presentación de candidaturas ao Consello Nacional.

Ana Pontón dixo que “esta asemblea é clave para culminar o tempo novo que abrimos durante este último ano para reforzar o proxecto do BNG como alternativa real de cambio, para os galegos e as galegas que non nos conformamos e que temos un proxecto ambicioso de país”. A portavoz nacional salientou o intenso debate que se viviu estes meses no proceso, “o máis amplo é aberto desenvolvido nunca polo Bloque para redefinir o futuro do proxecto nacionalista”, indicou na súa intervención ante o Consello Nacional aberta aos medios.

Participación e ilusión

Dentro do Proceso Adiante realizáronse 120 asembleas abertas a nivel local e comarcal cunha participación próxima aos 2.000 militantes e simpatizantes, informou o BNG. A situación económica, social, lingüística e demográfica de Galiza foron algunhas das cuestións centrais de debate do Proceso Adiante. Igualmente, a análise do papel do nacionalismo peraante un modelo do Estado “cuestionado e caduco”, estivo no cerne dos debates, así como cal debe ser a estratexia do BNG no momento actual.

Pontevedra

A portavoz nacional do BNG trasladou o seu apoio e o de todo o Consello Nacional ao goberno municipal de Pontevedra ante a que denominou “unha moción de censura encuberta”. “Trátase dun feito insólito e vergoñante. O PP, PSOE, Ciudadanos e En Marea pactaron un orzamento destrutivo que supón un ensaio de gran coalición á galega contra o goberno do BNG e o modelo de cidade de Pontevedra. Hoxe a Marea ten unha magnifica oportunidade para desautorizar ese pacto PP-Mara”.

Comentarios