O XV congreso do PCG elixe a Jorge Crego secretario xeral

O Partido Comunista da Galiza (PCG) elixiu na xornada de hoxe como secretario nacional a Jorge Crego, que substitúe no cargo a Eva Solla á fronte do partido desde 2014.

Congreso PCG
photo_camera Sesión de XV congreso do PCG. (Foto: Nós Diario).

O salón de actos da casa sindical da Coruña acolleu no día de hoxe o XV congreso do PCG. O encontrou serviu para definir os obxectivos dos comunistas para o vindeiro ciclo político e renovar a dirección do partido.

Jorge Crego foi escollido novo secretario xeral do PCG en substitución de Eva Solla. O relevo de Solla desenvolveuse con normalidade e sen ningún tipo de tensión interna. Tanto é así, que a secretaria xeral saínte continuará nos órganos de dirección do partido.

Solla explicou á súa substitución como un "punto e aparte" a un ciclo político que estivo marcado pola pandemia e as "dificultades de mobilización".

A dirixente comunista analizou na súa despedida as “dificultades electorais” que atravesou o proxecto nos últimos anos, en referencia a saída do Parlamento da Galiza nos comicios de 2020, o que condiciona "o traballo que hai que facer".

O novo secretario xeral do PCG destacou que a dirección que sae deste congreso é "cohesionada e plural", incorporando militantes de diferentes xeracións e diversas comarcas galegas.

Eleccións locais de 2023

Crego fixou como prioridade política dos comunistas as eleccións locais de maio de 2023. Neste sentido, marcou como obxectivo gañar "presenza" nas institucións, sen fechar a porta a ningún modelo de concorrencia.

O dirixente do PCG indicou que a presenza dos comunistas nos concellos é “fundamental” para “pór freo ao desenvolvemento de políticas liberais" e garantir "unha mellor calidade de vida da clase obreira”.

O líder do PCG significou que o sentido da súa acción institucional é "protexer ás capas populares" , facer fronte a "ameazas" como a inflación e o feche de grandes centros de traballo "ao longo do Estado e, particularmente, na Galiza".

Comentarios