O XV Congreso da UPG aposta por afortalar o nacionalismo galego

O conclave decorrerá este domingo en Compostela.
XIV-Congreso-UPG-16
photo_camera Clausura do XIV Congreso (Fundación Terra e Tempo)

O domingo 16 de febreiro, a Unión do Povo Galego (UPG) pon remate a un debate de meses. O Pazo de Congresos de Santiago de Compostela acolle a xornada final do proceso congresual deste partido, coa aprobación das teses políticas e organizativas e a elección pola militancia da nova dirección. 

Este partido chega ao seu XV congreso após un período de dificultades para o nacionalismo organizado arredor do BNG. A propia proposta de tese sometida a debate, e á que tivo acceso Nós Diario, recoñece que “foi, en todo caso, un camiño moi difícil o que tivemos que percorrer nos últimos anos. Mais foi o que permitiu manter a independencia organizativa e de criterio e o propio discurso nacionalista como expresión política, social e institucional da vontade de existir politicamente do pobo galego”.

A UPG sinala como eixos “dos debates políticos e ideolóxicos”, desde a asemblea do BNG de Amio en 2012, “a confrontación dun nacionalismo inequivocamente popular, antiimperialista e de ruptura co réxime español, que ten como alicerce a autoorganización do pobo galego, con tendencias que, mesmo que as vías propostas fosen diferentes, concordaban en cuestionar estes postulados históricos do movemento nacionalista galego”.

O partido do que Néstor Rego é secretario xeral certifica a liña política seguida desde o seu anterior congreso, que decorrera en 2016. Nesa dirección, valoran positivamente que “o noso Partido e o BNG mantiveron o rumbo e non se deixaron arrastrar a esa estratexia, a pesar dos pregoeiros que prognosticaban simultaneamente a vitoria inmediata da autodenominada unidade popular e a desaparición do nacionalismo se non se unía á nova fórmula”.

‘A realidade política non é inmutábel’

A UPG observa diversas novidades na situación política desde a celebración da súa anterior cita congresual. En primeiro termo, constata “un maior cuestionamento do réxime do 78" como “relato dunha idílica Transición" e "a conceptualización da Constitución española como texto inmutábel e case sagrado, a pesar de seguir a ser hexemónicos, perderon peso. Especialmente nas nacións sen Estado e nas xeracións máis novas”.

Este partido considera “falsa a saída da crise económica”. A análise recollida nos textos a debate sinala que Galiza sufriu dobremente a mesma por “carecer de estruturas de Estado e unha economía minimamente autocentrada” e considera que “foi (e voltará a ser) a coartada perfecta para unha dura política de recortes de dereitos básicos cunha mínima contestación social e custo político”.

A formación entende que o proceso soberanista catalán evidencia a debilidade da cultura democrática no Estado español e que este “como proxecto político, pretendidamente uninacional, é un proxecto fallado”. Así, en relación co mesmo conclúe na necesidade de que haxa “forzas políticas propias”, na “imprescindíbel unidade das forzas soberanistas”, no papel da “esquerda española como piar do réxime constitucional” e na relevancia de “desafiar a lei ou forzar a súa interpretación” para “moitos avances históricos”. A este respecto, o partido amósase optimista, sinalando que “a realidade política non é inmutábel. Hai tan só unha década sería impensábel que o nacionalismo catalán chegase a onde chegou”.

Comentarios