“As Xuventudes Socialistas que renaceron onte buscan unha maior identidade co país”

Xurxo Doval (Ourense, 2000) vén de ser escollido este sábado novo secretario xeral das Xuventudes Socialistas da Galiza (XSG). Estudante da Universidade de Compostela (USC) e militante socialista desde os 14 anos, aposta por abrir un tempo nova na organización.
Xurxo Doval
photo_camera Xurxo Doval, secretario xeral das Xuventudes Socialistas da Galiza no congreso do PSdeG

Que valoración fai do congreso das Xuventudes Socialistas da Galiza celebrado este sábado?.

Pois unha valoración moi positiva tendo en conta as circunstancias nas que chegamos. Levábamos dous anos cunha xestora e ademais a pandemia non beneficia as posibilidades de participación da xente, moi particularmente daquela de afiliación máis recente.

En todo caso temos a confianza necesaria para recuperar un proxecto sólido e consolidado, como escola de vida, formación e reivindicación, onde as forzas da nosa xeración converxan para mudar o taboleiro político, social e económico do país que nos leva afogando no estanque do esquecemento.

Un congreso celebrado tras unha situación de interinidade seguro que obriga a unha reflexión máis de fondo e de orde estratéxica?

As Xuventudes Socialistas que renaceron onte buscan unha maior identidade co país, situar os seus problemas en primeiro plano, avanzar no augoberno mediante unha reforma do estatuto de 1981 e camiñar cara un Estado máis federal.

Ao tempo, consideramos fundamental rexuvenecer a política e nese sentido debemos facer un esforzo para reconectar coa xente nova e actuar como os seus voceiros na perspectiva de abrir nas vindeiras eleccións municipais un proceso de cambio no país.

Un dos aspectos a debate no conclave foi a política en materia xuvenil da Xunta da Galiza, que destacaría da mesma?

O grande éxito do que presume Feixoo son as baixas taxas de paro xuvenil pero o que el vende como un milagre foi a desgraza de máis de 80.000 galegos e galegas que marcharon dende 2009 a emigración

O Goberno de España e a oposición galega suplen as funcións dun Feixoo que lle lanza salvavidas ás súas amizades perigosas en vez escoitar os cantos de serea de unha xeración que afoga na miseria.

Sae do congreso tamén cun plan de traballo, que nos pode adiantar do mesmo?

Son varias as cuestións chaves e en diversos planos. Unha idea na que imos traballar é na recuperación do Consello da Xuventude da Galiza que  foi o  máximo órgano de representación da mocidade galega e dos seus intereses públicos que no ano 2011 foi lapidado.

Ninguén se imaxina a calquera líder europeo eliminando o Foro Europeo de Mocidade? ou a Pedro Sánchez substituíndo o Consello da Xuventude por un órgano consultivo directamente dependente do Ministerio de Educación?, porén iso fíxoo Feixoo na Galiza.

Comentarios