O alcalde de Ourense, absolto dun delito leve de maltrato tras empurrar unha sindicalista

Gonzalo Pérez Xácome xustifica a súa brusca reacción alegando o seu "temor" a que o megáfono de Lola Panero lle ocasionase "algún tipo de lesión auditiva" e afirma estar "arrepentido" por non denunciar el mesmo: "Eu fun o agredido".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Twitter)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Nós Diario)

Cando Gonzalo Pérez Xácome empurrou unha sindicalista de Comisións Obreiras o 3 de maio do pasado ano, no medio dunha folga de transporte que chegou ás portas do Concello de Ourense, limitouse a "unha mera reacción ao feito de que a denunciante utilizase o megáfono a escasos centímetros da súa cara". Así o vén de manifestar o Xulgado de Instrución número 2 da cidade, que absolve o rexedor do delito leve de maltrato que se lle imputaba.

"Parece clara", sinala o xuíz no seu auto, coñecido esta quinta feira, a intención de Pérez Xácome de "evitar que utilizase novamente o megáfono perto da súa cara". Cualifica tamén como "significativo" que despois do empurrón iniciasen unha discusión, tal e como recolleron as cámaras dos medios presentes no lugar, cuxas gravacións recollen o contido do sucedido e que ambos os implicados non discuten.

"[Gonzalo Pérez Xácome] Parece estar reprochándolle algunha cousa, o cal tamén é compatíbel coa versión dos feitos que ofreceu no acto da vista", sostén a sentenza, contra a que cabe presentar recurso. O alcalde defendeu no xuízo que non tiña intención de agredir a sindicalista, Lola Panero, e mesmo asegurou na súa comparecencia: "Arrepíntome de non denunciar eu, que fun quen sufriu a agresión".

Así, manifestou que o único que pretendía era "apartar a denunciante" e que reaccionou dese modo "pola utilización que realizou do megáfono, xusto a escasos centímetros" da súa cara. Tamén incidiu en que tiña "temor" a que lle puidese causar "algún tipo de lesión auditiva".

O propio xuíz apunta no seu veredicto que a reacción "quizais sexa un tanto desproporcionada", se ben salienta que "en ningún momento alcanza a intensidade suficiente como para ser considerada delituosa". No relato de feitos probados, o maxistrado asegura que durante a concentración, o alcalde "tivo a intención de dirixirse aos manifestantes empregando un megáfono que para ese efecto parecía pór á súa disposición a denunciante".

Porén, "inmediatamente" prodúcese "un cambio de actitude" no alcalde, "que parece estar enfadándose, ao tempo que se dirixe á denunciante empregando a expresión 'non me toques', o que á súa vez provoca unha reacción na denunciante, que baixa a máscara, toma o megáfono e a escasos centímetros da cara do señor alcalde grita a expresión 'fala'".

Foi este feito, sostén a sentenza, o que propiciou a reacción de Pérez Xácome, que "a empurra de forma brusca para, acto seguido, suxeitar durante varios segundos a denunciante, xusto até o momento no que varias persoas se interpoñen entre ambos, iniciándose entón unha pequena discusión entre eles, concluíndo deste modo o incidente".

Comentarios