MUNICIPAL

A Xustiza estuda a posíbel ilegalidade da fusión entre Oza e Cesuras

O TSXG acepta a trámite un novo recurso contra a creación do novo concello imposta polo PP e que podería contradicir a Lei de Administración Local de Galicia.

Oza
photo_camera Oza

Malia xa existir como concello unificado tras unha decisión política da Xunta que obtivo moito menos eco do que buscaba, Oza-Cesuras aínda poden volver ser dous entes separados posto que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado polo PSOE en contra da fusión, uníndose así ao xa aceptado que presentou Independentes por Cesuras, o grupo municipal que formaron escindid@s do BNG.

Segundo informou o PSOE, o seu recurso está baseado en que o proceso “podería vulnerar” a Lei de Administración Local de Galicia, “que establece a necesidade dunha maioría cualificada de dous terzos das corporacións municipais implicadas para aprobar a fusión, un requisito que non se cumpriu no caso do Concello de Cesuras”.

@s socialistas din que “están a favor” das fusións municipais, “sempre que estas sexan voluntarias, e non impostas como neste caso, e respecten a vontade d@s veciñ@s e a legalidade”.

Tamén están a ser moi criticadas as promesas incumpridas após a fusión. Segundo o BNG, “o Goberno central non puxo nin un só peso para eliminar o talude do tren, a Xunta desoíu a necesaria demanda da escola infantil e a Deputación esqueceu a discriminación positiva e non investiu en Oza os cartos que prometera como 'premio' á fusión. Tampouco a Coca Cola se radicará aquí e de Ence nada se sabe”, afirmou Estefanía Busto, concelleira nacionalista en Oza.

Comentarios