A xustiza condena o Concello da Coruña por vulnerar os dereitos fundamentais dun edil do BNG

O xulgado do contencioso-administrativo da Coruña recoñece que o goberno de Carlos Negreira vulnerou os dereitos fundamentais de Xosé Manuel Carril ao lle negaren acceso ás auditorías de Nostián. O edil do BNG advirte que se a equipa municipal non muda de actitude, serán demandad@s pola vía do penal.

Xosé Manuel Carril
photo_camera Xosé Manuel Carril

"A sentenza é moi clara", considerou o edil municipal do BNG, Xosé Manuel Carril. O xulgado do contencioso-administrativo nº3 fallou contra o Concello Coruña e condena ao goberno de Carlos Negreira por lle impediren ao nacionalista acceder a información pública relacionada coas auditorías técnica e medioambiental da planta de tratamento de residuos de Nostián. 

O Concello da Coruña deberá achegar a información solicitada ao edil do BNG amais de asumir o pagamento das costas do xuízo

Isto é, o tribunal considera que o executivo local vulnerou "os dereitos fundamentais" de Carril recoñecidos na Constitución española e que garanten o acceso de calquera cidadá(n) á información e que aparece recollida no artigo 23.1 da Carta Magna e obriga ao Concello a achegarlle as copias requeridas. Aliás, exíxelle o pagamento das costas do xuízo (500 euros). 

Mais esta non é a primeira sentenza que condena o goberno de Carlos Negreira. Con anterioridade o executivo local negou ao mesmo edil acceso a documentación relativa á compañía de tranvías e foi a xustiza quen tivo que restituír o dereito vulnerado.

Neste senso, Xosé Manuel Carril advertiu á administración local que "a próxima vez" o BNG "denunciará penalmente ao goberno do señor Negreira por delito de impedimento de exercicio dos dereitos cívicos recoñecidos na Constitución". 

Comentarios