Xorde 'Grândola Galega', colectivo que pide unha aposta clara da 'marea galega' pola “democracia directa”

Unha trintena de persoas asina un novo manifesto que toma como lema o verso da coñecida canción de Zeca, “o pobo é quen máis ordena”, para pedir unha maré da cidadanía.

Un grupo de activistas, membros de distintas formacións e cidadáns sen adscrición política véñense de xuntar baixo a denominación de 'Grândola Galega' para pediren que “a futurible Marea Galega” funcione “ás ordes directas da cidadanía galega mediante mecanismos de "democracia directa".

O manifesto, presentado no web Grandola.gal e nas redes sociais, reclama que a "unidade" non pase unicamente pola renuncia ás siglas duns e outros partidos, senón mesmo á pretensión de faceren de "intérpretes paternalistas da expresión política maioritaria", algo que recoñecen será "duro de admitir" para os partido políticos. Avogan polo estabelecemento de mecanismos para que "o pobo debe ser quen máis ordene, mais non só en momentos excepcionais como nos referendos ou nas eleccións que teñen lugar cada catro anos, senón como norma", defenden.

No manifesto tamén se expresa a consciencia do momento crítico actual que caracterizan non só como unha "fin de réxime" senón como de "colapso progresivo do modelo capitalista-industrialista a nivel mundial", para o cal reclaman unha estratexia "radicalmente nova e democrática" que leve "ata as súas últimas consecuencias" o discurso actual na Galiza a prol do protagonismo cidadán.

Comentarios