Xuran o seu cargo os deputados do PP que substitúen Feixoo e Tellado no Parlamento galego

Fernando Pérez e María Belén Saído substitúen así o antigo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o deputado Miguel Tellado, que abandonaron o Parlamento galego para ocupar un escano por designación autonómica no Senado español.
O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os novos deputados do Partido Popular (PP) na Galiza, Fernando Pérez e María Belén Saído, xuraron o seu cargo na toma de posesión que tivo lugar esta terza feira ao comezo da sesión plenaria.

Pérez e Saído substitúen así o antigo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o deputado Miguel Tellado, que abandonaron o Parlamento galego para ocupar un escano por designación autonómica no Senado español.

Fernando Pérez, portavoz popular en Caldas de Reis, substitúe o oco vacante que deixou Feixoo, que agora ocupa a presidencia estatal do Partido Popular.

Pola súa parte, María Belén Saído ocupa o oco que deixa Miguel Tellado, co actual cargo de vicesecretario de Organización Territorial do PP.

Novos deputados

Fernando Pérez Domínguez (Caldas, 1967) é economista pola Universidde de Vigo (Uvigo), especializado en asesoramento fiscal. Membro do rexistro de expertos contábeis xudiciais e administrador concursal. Corredor de seguros acreditado pola Universidade San Pablo CEU e o CECAS.

María Belén Saído (Monfero, 1977) é técnica de administración e finanzas e traballou como administrativa no sector público e privado. É concelleira e portavoz do PP no Concello de Monfero e presidenta do PP local.

Comentarios