Denuncia de En Marea na sesión de control

A Xunta transferiu máis de 1.500.000 euros de catro áreas de Sanidade para concertos coa privada

Luís Villares (En Marea) pediu explicacións no Parlamento a Feixoo por esta transferencia de capital.

luis villares parlamento

Máis de millón e medio de euros foron derivados de catro áreas dos orzamentos de Sanidade (coordinación e xestión de Atención Primaria, loita contra a drogodependencia, entre outras) para destinar ese diñeiro a concertos con entidades privadas. Esta é a denuncia que o portavoz de En Marea, Luis Villares, realizou esta cuarta feira no Parlamento durante a sesión de control ao presidente da Xunta. “Vostede saca do público para darllo ao privado, por qué esta transferencia de crédito?”, preguntoulle a Feixoo.

O presidente non entrou ao fondo da pregunta e limitouse a criticar Villares por “descoñecer como funcionan os orzamentos” e por “saír agora con esa transferencia”, nunha actitude que cualificou como “lamentábel”. Dixo que os convenios coa sanidade privada aumentaran co bipartito e baixaran cos seus gobernos, o que lle desmentiu o voceiro de En Marea baseándose en datos da patronal privada: “De 2016 a agora aumentou en 3%”.

Optou o presidente entón por criticar os concellos de Cangas e Ferrol (gobernados por marés municipais) por, dixo, non facilitar terreos para dotacións de sanidade pública; instando a Villares a que os convencese. Botou man o portavoz de En Marea man da ironía para preguntar a Feixoo se o estaba a emprazar a alterar os trámites legais dun procedemento administrativo, “unha incitación ao delito”.

Politización

A sanidade tamén centrou a intervención da portavoz do BNG, que procedeu a ler declaracións de profesionais da sanidade e usuarios para amosar a precarización que os recortes produciron no sistema sanitario galego. Hai un “clamor social” que quere que mude a política sanitaria, dixo Ana Pontón, que apuntou que o conselleiro Almuíña “non pode seguir un minuto máis” á fronte da sanidade galega.

“O BNG politiza a sanidade”, acusou Feixoo a nacionalista ao tempo que, nunha das súas cabriolas favoritas, o presidente tiraba dados dos anos do ‘bipartito’ para afirmar que agora a sanidade está mellor. Na súa argumentación mesmo indicou que “é difícil cubrir un PAC cando 17% dos médicos está de baixa”, unha frase que lle reprochou Pontón por “difamar” os traballadores dos Puntos de Atención Continuada.

O único que non falou de sanidade nesta cuarta feira foi Fernández Leiceaga (PSdeG). O voceiro socialista centrou a súa pregunta no emprego xuvenil, a demandar compromisos do goberno e a lle tender a man ao xefe do executivo galego a man para acadar pactos que permitan facer fronte a este problema. “Hai agora 40% menos de mozos ocupados que en 2008”, indicou. Para Leiceaga cómpre actuar en campos como o laboral, a educación ou a vivenda para construír un país que permita á mocidade desenvolver unha vida “digna”.

Comentarios