Alberto Varela Paz, candidato do PSOE á Alcaldía de Vilagarcía

"A Xunta ten abandonada Vilagarcía de Arousa"

Alberto Varela Paz, actual alcalde de Vilagarcía de Arousa, aspira a recuncar no posto para avanzar nas medidas postas en marcha no último mandato. Avogado de profesión, afirma que unha das grandes necesidades da vila é un novo centro de saúde.

Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía
photo_camera Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía

Que valoración fai do seu mandato?

Creo que temos mudado o sentido en que camiñaba Vilagarcía. Hai catro anos vivíase un permanente conflito e Vilagarcía estaba paralizada. Non podíamos seguir así, e presentámonos para cambialo. Nestes catro anos viuse unha Vilagarcía máis humanizada, con 30.000 metros cadrados humanizados para dar prioridade ás persoas e recuperar espazos públicos para uso e desfrute, complementados cunha aposta polo transporte sostíbel como bici e bus e creando, ademais,1.250 novas prazas de aparcadoiro. Apostamos na recuperación do noso patrimonio cultural e histórico. Recuperamos boa parte da nosa conexión coa ría, coa mellora dos paseos marítimos e os novos proxectos para amplialo.

Fixémolo sen deixar de apostar fortemente nunha Vilagarcía máis social. Aumentamos en 90% o orzamento de servizos sociais, dedicando máis de 80.000 euros a becas para estudantes e recuperando para uso público e social inmóbeis como a casa Jaureguízar, que antes era propiedade dun narcotraficante. 

De todas as medidas que impulsou, cal salientaría e por que?

Creo que o plan de humanizacións definiu claramente a nosa vila, pero ademais a construción da nova Escola Infantil de Vilaxoán foi un grande avance en políticas de conciliación e de benestar. E fixémola sen ningún investimento da Xunta de Galiza, que ten abandonada Vilagarcía. Cremos na necesidade de contribuír unha Vilagarcía na que se viva mellor, e con estas medidas intentamos camiñar nesa liña.

Que dificultades enfrontou estes catro anos o seu concello?

A verdade é que, tristemente, o principal problema estivo na oposición da Xunta e a desatención. Creamos unha liña de conexión co Hospital do Salnés, que era unha competencia autonómica pero que non conta para a Xunta. Necesitamos imperiosamente un novo centro de saúde (a Consellaría de Sanidade négase a falar e descarta os intentos de sentarnos a dialogar e resolver). Hai un solar, onde está o case baleiro o edificio da antiga Comandancia da Mariña, que podería ser reutilizado para construír un novo centro, como teñen todas as poboacións semellantes. Non estamos nos plans das estacións intermodais, cando somos a cabeceira dunha comarca fundamental para o conxunto de Galiza, con gran potencial económico e turístico. E temos parada a posibilidade de dotar de maior solo industrial a Vilagarcía pola parálise autonómica. O abandono da Xunta é absoluto.

Como valora o papel da oposición?

Como en calquera situación vital, hai de todo. Quero destacar que somos un goberno en minoría que non perdeu ningunha votación no pleno municipal até que chegou a campaña. Coa proximidade das eleccións todo cambiou, como era de esperar en certa maneira. Pero mentres tivemos a oportunidade de dialogar, conseguimos sacar adiante os nosos proxecto e os orzamentos municipais. Creo que, especialmente, foi de valorar a posición do BNG, que arrincou moitas accións que defendeu e que se levaron a cabo pola súa capacidade negociadora, moi responsábel. Non podemos dicir o mesmo da oposición que fixeron outros grupos que, dicindo defender posicións de esquerdas, pasaron catro anos votando xunto ao PP. Mesmo foi noticia que os medios de comunicación desvelaron e fotografaron as súas xuntanzas previas ao pleno para prepararen as estratexias conxuntas.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Apuntaría dúas cuestións: Vilagarcía ten unha relevante calidade de vida, que agora mesmo pon o seu foco na necesidade dun novo centro de saúde. Agardamos que a Xunta se abra a negociar e non dea máis as costas. Por outro lado, temos a oportunidade de continuar potenciando a organización de eventos e actividades que atraen moitos visitantes que activan a nosa economía local. Para continuar nesa liña, creo que debemos apostar nunha maior e mellor conexión, demandando o inicio da estación intermodal, que nos permita tamén ter unha rede de transporte comarcal máis eficiente. E nesa liña precisamos o desdobramento do viario a Pontevedra.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato?

É difícil sinalar unha, porque a actividade municipal é moi rápida e moi chea de traballo. Pero creo que, simbolicamente, a primeira medida que impulsaremos será axilizar os proxectos que están en marcha, como o plan de humanizacións de espazos en todo o territorio ou a ampliación da piscina municipal. Debido ás eleccións, non quixemos facer grandes anuncios para evitar as malas interpretacións.

Comentarios