O Parlamento alerta do incumprimento das medidas antiCovid nos supermercados

Os grupos políticos acordaron por unanimidade instar a Xunta a vixiar nas grandes cadeas de alimentación o cumprimento dos protocolos para evitar contaxios no persoal e na clientela.
Un supermercado galego (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O Parlamento insta a Xunta a vixiar o cumprimento das normas antiCovid nos supermercados (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Parlamento galego acordou por unanimidade dos grupos instar a Xunta da Galiza "a actuar vixiando o cumprimento das medidas preventivas estabelecidas" con motivo da Covid-19 nas grandes cadeas de alimentación, co obxectivo de "evitar os contaxios do persoal traballador e da clientela”.

A proposta, presentada na comisión parlamentar de Industria e Comercio polo BNG, sinala que a día de hoxe non se están a cumprir por parte das grandes cadeas de alimentación o límite de capacidade a 30% no interior dos estabelecementos; nin se están a tomar medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal e evitar as aglomeracións, nin se controla o uso das máscaras e xel.

Salóns de peiteado

A comisión de Industria e Comercio tamén resolveu esta cuarta feira, 17 de febreiro, instar o Goberno estatal a reducir o IVE dos salóns de peiteado, pasando do actual 21% a 10%, co obxectivo de apoiar o sector e garantir a súa supervivencia debido á crise da Covid-19. A proposta partiu do grupo popular e contou co apoio do BNG e a abstención dos socialistas.

A deputada popular Sandra Vázquez afirmou que a aplicación deste IVE reducido aos salóns de peiteado “suporía unha importante inxección de liquidez para o sector, nun momento vital para garantir o seu futuro e os postos de traballo”. Só na Galiza, apuntou, "o impacto da actual crise sanitaria provocou o fechamento de máis de 300 negocios de peiteado e unha caída da súa facturación que supera 40%”. Vázquez recoñeceu “o esforzo realizado polo sector para adaptarse á normativa recomendada polas autoridades sanitarias, o que supuxo tamén un importante investimento”. 

Non obstante, a deputada do BNG Carme González emendou a iniciativa popular para que a redución impositiva fose permanente e non temporal, proposta que foi rexeitada polo PP, que defende a rebaixa como unha medida puntual a causa da pandemia.  

Plan de turismo

Pola súa banda, a portavoz de Turismo do PSdeG, Leticia Gallego lamentou o veto do PP na comisión parlamentar á proposta que ela mesma defendeu para pedir á Xunta a elaboración dun plan de turismo para cinco anos para o Medio Rural. A socialista acusou a Xunta de “dar as costas ao sector” mentres “agocha”  partidas millonarias entregadas polo Estado e a UE ao turismo.

Galicia Textil

A Xunta reúnese na quinta feira, 18 de febreiro, co comité da empresa Galicia Textil para analizar "posíbeis solucións" ante os 13 despedimentos anunciados pola firma logo do expediente de regulación de emprego (ERE). Representantes do persoal acudiron nesta cuarta feira ao Parlamento galego e reuníronse co deputado do Partido Socialista Martín Seco, após este instar a Xunta a "actuar"para manter os postos de traballo na empresa. Galicia Textil contaba con 36 traballadoras e traballadores "e vén de finalizar o período de consultas dun ERE con 13 despedimentos”, denunciou Seco na comisión de Industria do Parlamento galego, lembrando que “a Xunta ten a obriga de facer labores de mediación para que non sucedan estas cousas”.

Seco lembrou que se trata dunha empresa “senlleira” en Neda, que “chegou a ter 400 traballadoras e traballadores” e que, agora, anuncia un despedimento colectivo ao que se opón o persoal “ao entender que é totalmente desproporcionado”. Ademais, Seco sinalou que a empresa “xestiona un salto hidroeléctrico de 200 KW para autoconsumo”, polo que “non é admisíbel que aproveite os nosos recursos naturais para abaratar custos de produción e logo despedir, cando existen alternativas”. Precisamente, a empresa conta cunha concesión hidroeléctrica na presa do Rei coa que xera 15% da enerxía da planta de Neda. 

Comentarios