A Xunta responde ao pulso dos concellos: "asumir o canon, ou abandonar Sogama"

O conselleiro de Medioambiente, Agustín Hernández, rexeitou re-abrir a negociación sobre o incremento do canon de Sogama o vindeiro ano. O goberno galego retou aos concellos que rexeitan a suba a abandonar o sistema de xestión de residuos da planta de Cerceda, "é moi doado falar", acrecentou Hernández. 

hernández
photo_camera Agustín Hernández [Imaxes: Xunta de Galiza]

Agustín Hernández deu portazo ás demandas dos concellos que exixen a retirada do canon de Sogama e rexeitou re-abrir, esta segunda feira, o debate a respeito do modelo de xestión de residuos de Cerceda, como lle demandaron á Xunta perto de cen alcaldías. Hernández asegurou que aqueles municipios que non queiran asumir o incremento do custe --do 34% en relación ao 2013-- teñen dúas opcións: "asumir o canon, ou abandonar", sentenciou o conselleiro de Medioambiente, "é o único camiño que teñen", acrecentou.

A Xunta rexeita negociar o incremento do canon 

A Xunta de Galiza respondeu desta maneira ao pulso lanzado polos gobernos municipais de perto de 100 concellos galegos que advertiron ao executivo de Alberto Núñez Feijóo que procurarían todas as vías posíbeis para frear a suba do custe de Sogama. Neste senso, acordaron desenvolver mobilizacións desde o vindeiro mes de xaneiro se o goberno non accedía a revisar a súa proposta. E todo apunta a que será así Agustín Hernández rexeitou de maneira taxativa esta segunda feira (re)iniciar as conversas. 

Segundo o responsábel de Medioambiente as negociacións xa se desenvolveron o pasado mes de novembro. Conversas nas que a Xunta unicamente accedería a reducir o incremento do prezo até o 17% durante os primeiros meses á fin de "facilitar" o pagamento dos gastos que suporá para as administracións locais. Porén, desde os concellos gobernados polo BNG, PSdeG, Anova e CxG rexeitaron esta medida pois, no concreto, só suporía alongar o inevitábel. Así, exixen a San Caetano a retirada da medida e unha revisión do sistema de xestión de residuos que Sogama e que, para moitos, reflicte un modelo "insostíbel". 

Hernández: "Se algún concello é capaz de atopar un sistema respectuoso co medioambiente non temos ningún inconveniente en que abandone Sogama"

Mais para a Xunta, a planta de Cerceda representa "o sistema máis barato que existe en Galiza" e "un dos máis baratos" do Estado, sinalou Hernández aos medios de comunicación. Razón pola que retou ás administracións locais refractarias co incremento do seu custe a procurar unha outra alternativa. "Se algún concello é capaz de atopar un sistema respectuoso co medioambiente, que cumpra a normativa europea [á que o PP atribúe a suba do 34%], non temos ningún inconveniente en que abandone Sogama". Unha posibilidade que desde os concellos non desbotan.

Procurar alternativas

Neste senso, na xuntanza desenvolvida esta fin de semana en Compostela, @s representantes municipais acordaron estudar posíbeis alternativas e mesmo algúns gobernos locais xa decidiron iniciar a súa saída de Sogama, como o de Rianxo, que se sumará á Mancomunidade do Barbanza. Mais a Xunta non perdeu a oportunidade de bater contra aqueloutras opcións que non representan os intereses do Partido Popular.

O Concello de Rianxo xa anunciou que se sumará á Mancomunidade do Barbanza, aliás outras administracións locais están a valorar as alternativas a Sogama

Agustín Hernández afirmou que "é moi doado falar" mais o goberno galego non ve tales opcións alternativas. O conselleiro de Medioambiente tildou de "fiasco" o sistema do Morrazo "que non chegou a funcionar nunca", dixo, e en relación á planta de reciclado de Lousame sinalou que tamén "existen problemas a respeito do mantemento da capacidade de prestar o servizo por parte da concesionaria". 

En conversa con Sermos Galiza o presidente da Maconmunidade do Barbanza recoñecía que a planta podería facer fronte ao incremento do lixo a procesar de se incorporaren novos concellos da contorna --moitos deles gobernados polo Partido Popular-- e se ampliaren as instalacións de reciclado. Neste senso, convidaba ás administracións próximas a Lousame a se sumaren, como o fixo Rianxo, ou mesmo a desenvolver novas plantas de reciclado e compost noutras comarcas do país de acordo co principio de proximidade que representa este modelo de xestión de residuos. 

Tamén así, en plenos municipais como o de Ourense xa se propuxo a implantación de modelos de compostaxe doméstica que reducirían o nivel de residuos urbanos xerados e, con el, o custe que supón para o concello a súa xestión en Sogama. 

Comentarios