Política

A Xunta reserva un hotel por cidade para aloxar persoal "de servizos esenciais"

"Estas prazas hostaleiras diríxense a persoal sanitario ou de residencias, forzas e corpos de seguridade e outros profesionais cuxo labor é fundamental no estado de alarma", sostivo o vicepresidente galego.
Reunión do Centro de Coordinación Operativa (Xoán Crespo/Xunta).
photo_camera Reunión do Centro de Coordinación Operativa (Xoán Crespo/Xunta).

A Xunta da Galiza ten reservado "polo menos" un hotel en cada cidade para acoller o persoal sanitario que así o desexe, unha oferta que se poderá incrementar se fose necesario no conxunto das áreas sanitarias. Así o manifestou nun comunicado esta segunda feira após a reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), creado pola crise do coronavirus, que foi presidida polo vicepresidente galego, Alfonso Rueda.

Este recurso forma parte "das máis de 4.000 prazas hostaleiras" que coordina a Administración galega para aloxar ás "traballadoras de servizos esenciais" e a "persoas especialmente vulnerábeis" que o precisen. "Trátase dunha lista de prazas dinámica, espallada por todo o territorio e que se vai adaptando ás necesidades". 

"Estas prazas hostaleiras diríxense a persoal sanitario ou de residencias, forzas e corpos de seguridade e outros profesionais cuxo labor é fundamental no estado de alarma, e que precisan desta solución ben porque viven lonxe, ou ben porque simplemente queren protexer ao máximo á súa familia e prefiren pernoctar fóra. As prazas tamén están destinadas a persoas doutros colectivos vulnerábeis como persoas en fogar, en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero", detallou Rueda. 

Reparto de material aos concellos

Outro dos principais asuntos da xuntanza do Cecop foi o reparto de material de protección aos concellos, un asunto no que o Goberno galego se coordinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presente na reunión.

A distribución de material comezou a semana pasada, explica a Xunta nun comunicado, e a partir desta segunda implántase un novo sistema de distribución, "xa que o reparto pasará a realizarse a través dunha plataforma loxística, que evitará os desprazamentos de cada concello".

Cos novos lotes de materiais que se entregarán esta semana, e os que se entregaron a semana pasada, o total distribuído a case a totalidade dos concellos sumará 122.000 máscaras, 25.000 traxes e 350.000 luvas, segundo refire o Goberno galego.

Rueda destacou que, "aínda que hai que ser conscientes de que as prioridades son os hospitais e os servizos sanitarios, é importante tamén dotar aos concellos porque desenvolven servizos importantes, necesitan deste material e a día de hoxe o único material que está recibindo é o que lles está aportando a Xunta".

Fabricación de equipamento sanitario

Tal e como se adiantara, o Cecop tamén aprobou a posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario, que se encargará de coordinar a posta a disposición da Galiza de equipos de protección individual (EPI), principalmente máscaras, batas ou luvas. Entre outros asuntos, encargarase de identificar os estándares de calidade; promover reorientacións industriais e autorizar a fabricación. 

Ademais, este novo comité creará unha plataforma que coordinará a demanda de equipos de protección e a oferta do tecido empresarial galego. Ademais, a Xunta prevé activar proximamente unha liña de axudas ao investimento para facilitar que as empresas leven a cabo as transformacións necesarias para abordar a fabricación inmediata de material de protección. 

Beneficios ao alugueiro

Por outra banda, na reunión acordouse ampliar as medidas que xa tiña implantadas o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) respecto aos alugueiros, que agora se estenden tamén aos contratos que ten activos Xestur Galicia

Así, a Xunta detén o cobro da renda ou canon de alugueiros ou dereitos de superficie de 15 parcelas en polígonos empresariais, titularidade de Xestur Galicia, correspondentes ao mes de abril de 2020. O importe das rendas e canon ascende a case os 10.000 euros.

Asemade, suspéndense o cobro dos recibos de alugamento das vivendas de Xestur correspondentes ao mes de abril de 2020, "co fin de axudar ás familias galegas a paliar as consecuencias derivadas do estado de alarma provocado polo coronavirus".

Comentarios