A Xunta reduce a tan só un mes o prazo para emitir informes de impacto ambiental

O Goberno pisa o acelerador para aplicar a Lei de simplificación administrativa.
Feixoo
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reunido no Consello do Goberno galego, en San Caetano (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza pisa o acelerador para aplicar a Lei de simplificación administrativa, aprobada no Parlamento galego o pasado 22 de febreiro cos votos do PP e o rexeitamento da oposición. E para tal fin o Consello do Goberno galego deu esta quinta feira, 15 de abril, o seu visto e prace ao inicio da elaboración do decreto que regulará as entidades e empresas "de colaboración ambiental", cuestión que a oposición vén criticando por supor a externalización das encomendas da Xunta nesta materia, permitindo que os informes, por medio desta lei, se deriven a empresas privadas.  

Ademais, segundo informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Executivo, a intención co novo decreto é reducir o tempo dos trámites para emitir informes de avaliación ambiental, un requisito esencial de moitos proxectos empresariais.

Así, estes informes pasarán de ter un período máximo de cinco meses para a súa resolución a tan só un. "Hai moitos países do mundo onde se crean entidades certificadoras que estudan os informes das distintas empresas ou cidadáns que solicitan declaracións ambientais e fanse [esas entidades privadas certificadoras] responsábeis ante os xuíces e administracións publicas", explicou Feixoo, pondo ese modelo como ideal. "Sería fantástico poder dar as licenzas nunha semana", engadiu. 

Mercurio en Lourizán

Após esta semana transcender que Ence avisou as administracións galega e estatal da detección de niveis de mercurio "superiores aos habituais nos últimos meses" nas inmediacións da súa planta en Lourizán (Pontevedra), o presidente da Xunta insistiu en que os primeiros resultados indican que "os parámetros atopados non superan os límites preestabelecidos" desde o punto de vista ambiental e sanitario, de acordo cos informes dos técnicos da Consellaría de Medio Ambiente e a normativa aplicábel. 

"Isto é o que se nos di", reiterou o presidente, afirmando que a Xunta non ten criterio ao respecto como órgano de Goberno, senón como Administración pública, e que por tanto os criterios confórmanos os técnicos.  A pasteira atribúe a detección destes niveis de mercurio á actividade na planta de Elnosa, na actualidade en proceso de desmantelamento; posto que a clorera empregou este metal pesado para os seus procesos. Feixoo avalou o plan de desmantelamento de Elnosa, é "sólido", dixo, mais non se pronunciou sobre a posibilidade de que ese mercurio acabe na ría, cuestión sobre a que xa alertou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que demandou á Xunta actuar para protexer a saúde e o medio. 

Programa financeiro

O presidente tamén anunciou a activación dun programa dotado con 30 millóns de euros "para achegar apoios financeiros e contribuír así á modernización e á reactivación das empresas" dentro do contexto económico actual marcado pola Covid-19.
En concreto, a liña de transformación incidirá, afirmou, no impulso de proxectos de internacionalización e reforzo da competitividade a través da dixitalización e innovación, da mellora de produtos e procesos, do desenvolvemento tecnolóxico, da profesionalización de equipos directivos e da reestruturación societaria. 

Sanidade anuncia un plan para recuperar actividade asistencial

Máis dun ano após o impacto da Covid-19 no sistema sanitario, a Consellaría de Sanidade presentou ante o Consello da Xunta un plan de recuperación da actividade asistencial no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Está dotado con 15 millóns de euros para a realización de 230.000 actos asistenciais repartidos entre probas diagnósticas, consultas e intervencións cirúrxicas.

O obxectivo do plan, segundo dixo Núñez Feixoo, é recuperar a actividade suspendida no Sergas durante a segunda onda da pandemia. A Xunta estima que esta "inxección" orzamentaria permitirá levar a cabo 115.000 probas diagnósticas, 92.000 consultas e 19.000 intervencións cirúrxicas. O propio Feixoo apuntou que o plan parte coa idea de "traballar con hospital único" con " indepedencia" do lugar de residencia do paciente para a realización das intervencións ou probas.

Núñez Feixoo sae en apoio de Vox 

O presidente da Xunta da Galiza e líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, mostrou o seu rexeitamento aos protestos rexistrados durante a precampaña das eleccións na Comunidade de Madrid en actos de Vox e mostrou o seu apoio á organización ultradereitista de Santiago Abascal. "Os fascistas son os que tiran pedras, non os que dan mitins solicitando un voto democrático; é xusto ao revés", sinalou o presidente galego. 

Así se pronunciou a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, cualificando de "fascistas" as persoas "que interrompen un acto político e mesmo tentan agredir tirando pedras", en referencia aos incidentes rexistrados a pasada semana nun acto organizado por Vox no madrileño barrio de Vallecas. "Iso é o que se parece máis ao fascismo", engadiu Feixoo, que dixo estar sorprendido porque estas persoas "non se dean conta de que os fascistas son eles", á vez que tachou de "decepcionante" que "40 anos despois" da "transición" desde a ditadura de Francisco Franco continúe este debate aberto.

"Isto non lle ocorre á maioría dos países", continuou o presidente, que acusou de non ter "nin idea do que están a falar" ás persoas que se posicionan desta forma, debido a que "non naceran" ou "non tiñan uso de razón" durante os anos de ditadura como "a maioría dos políticos" na actualidade.

"Un pouco de respecto pola historia e pola verdade. Con independencia de que cada un interprete a historia e teña a súa propia verdade", resolveu, esquecendo que o que non acontece na maioría dos países da contorna son os pactos e cogobernos entre forzas demócratas e a ultradereita. 

Comentarios