A Xunta recoñece que paralizou as obras da autovía da Costa da Morte

En resposta a unha pregunta formulada polo BNG sinala que interrompeu os traballos mais non llo comunicou á veciñanza. O Bloque denunciou o proceder da Xunta na contratación perante un suposto delito de prevaricación.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón [Imaxe BNG]

O director Xeral da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menendez, asegurou en comisión parlamentar que o goberno galego "autorizou a paralización" das obras da autovía da Costa da Morte. Porén, esta información non fora comunicada --até o de agora-- á veciñanza. As declaracións de Menendez producíronse en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG, Ana Pontón. Desde o grupo nacionalista exixen que o executivo aclare en que data foron interrompidos os traballos. 

Aliás, Pontón demandou que sexa remitido á Cámara o expediente de contratación das obras adxudicadas á empresa contrutora Puentes y Carreteras S.A. A organización frontista denunciou na Fiscalía a mudanza lexislativa prevista polo goberno de Alberto Núñez Feijóo nos Orzamentos de 2015. Através da Lei de acompañamento o executivo reducirá á metade os quilómetros planificados inicialmente o que supón a modificación do contrato sen se producir un novo proceso de licitación da obra. 

Desde a fronte nacionalista instaron a Fiscalía a investigar perante o que, afirman, podería constituír un delito de prevaricación. Opinión tamén partillada polos servizos xurídicos do Parlamento que a petición do grupo parlamentar socialista emitiron un informe ao respeito. No devandito texto afirman que o proceder da Xunta non se axusta a dereito e instan a un novo concurso público. 

Ana Pontón reclamou explicacións do executivo de Alberto Núñez Feijóo polo que considerou unha "xestión neglixente" da infraestrutura pola que, aliás, a administración pagará "tres veces máis" do previsto malia construírense menos quilómetros. O goberno galego prevé un investimento de 617 millóns de euros en 27km. fronte os 540 millóns adxudicados inicialmente para un traxecto de 60 km. 

Comentarios