A Xunta recoñece irregularidades nas obras de Ferroatlántica no Xallas

En resposta ás preguntas formuladas polo BNG e AGE a Dirección Xeral de Augas recoñeceu a incoación de senllos expedientes contra Ferroatlántica S.L polas obras que desenvolve na bacía do Xallas. 

Novo-Castrelo
photo_camera [Imaxes Adega]

Gonzalo Mosquera, director xeral de Augas de Galicia, recoñeceu esta terza feira (20 de outubro) a existencia de irregularidades na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos que existen irregularidades nas obras que está a desenvolver a empresa Ferroatlántica S.L na bacía do río Xallas, nos concellos de Dumbría e Mazaricos. 

No concreto, Mosquera deu conta da abertura no ano 2014 de dous expedientes por amoroamento de terras. Fíxoo en resposta a senllas preguntas formuladas pola deputada do BNG, Ana Pontón, e Antón Sánchez (AGE). Aliás, o director xeral explicou que un dos expedientes derivou nunha sanción, da que non quixo especificar a contía, e mesmo en paralizacións puntuais das obras. O outro estaría aínda en tramitación. 

Adega

As preguntas formuladas polo BNG e AGE responden á denuncia presentada pola Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) perante a Fiscalía do TSXG polos prexuízos que estarían a causar as obras de construción de 3 novas centrais hidroeléctricas Fervenza II, Novo Castrelo, Ponte Olveira II e no río Xallas. Espazos que constitúen "milleiros de metros cadrados de carballeira e bosque de ribeira, hábitats de interese europeo e prioritario" no que moran especies protexidas sinalaban desde Adega cando se formalizou a denuncia. 

Neste senso, un estudo desenvolvido por investigadores das tres universidades galegas concluíu que nas localizacións das obras que Ferroatlántica S.L, está a desenvolver no Xallas teñen causado graves danos a especies protexidas e endemismos incluidos no CGEA tanto vulnerábeis como en perigo de extinción. 

"Non queremos sancións sobre feitos consumados, a obriga da Xunta é evitar que se destrúan espazos únicos", dixo Pontón

Perante este feito a parlamentar do BNG, Ana Pontón, reclamou que se dea cumprimento á Lei de conservación da natureza e as sancións previstas na mesma ao tempo que exixiu a paralización das obras. "É impresentábel o que están facendo e poden repetirse as imputacións de altos cargos por vulnerar a lei", denunciou en referencia á acusación do ex-director xeral Francisco Pan-Manojo por ter autorizado a seca do Xallas por parte de Ferroatlántica S.L entre os anos 2004 e 2011. Unha decisión adoptada "con pleno coñecemento" dos prexuízos ecolóxicos que carrexaría. 

Tanto BNG, AGE como Adega sinalan un posíbel "favoritismo" por parte do Partido Popular cara a empresa Ferratlántica, propiedade de Villar-Mir, unha entidade investigada nas operacións Gürtel e Bárcenas. "A Xunta ten a obriga de paralisar as obras e aplicar a Lei de Conservación da Natureza que considera estes feitos como infracción moi grave", sinalan desde a asociación ecoloxista. "Non queremos sancións sobre feitos consumados, a obriga da Xunta é evitar que se destrúan espazos únicos", dixo Pontón. 

Comentarios