A Xunta recoñece que 5.300 explotacións lácteas non percibirán axudas do Ministerio

A directora xeral de Agricultura defende que o papel do goberno español é o de ser "espectador" do acordo entre os distintos elos da cadea de valor do leite e asegura que Galiza é "a grande gañadora" das axudas. 

(7)
photo_camera [Imaxe OR]

Patricia Ulloa Alonso, directora xeral de Agricultura da Xunta de Galiza, recoñeceu en comisión parlamentar esta sexta feira (9 de outubro) que por volta de 5.300 explotacións gandeiras ficarán excluídas do pacote de axudas aprobado polo goberno español en relación á crise do sextor lácteo. Porén, desde o executivo galego defenden que Galiza é "a grande gañadora" desta medida ao non chegar máis que a 5.600 o número total de granxas que poderán acceder ás axudas. 

"Ao titular habería que darlle a volta", asegurou Ulloa Alonso en referencia ás 5.300 explotacións que ficarán sen subvención (entre 300 euros e até un máximo de 10.000 por litro de leite vendido por baixo de 0,245 céntimos durante os meses de abril, maio e xuño deste ano). E é que, dixo, "4.800 cobrarán a axuda" dun total de "5.600 e todo o estado". Unhas cifras que non dan, pois Galiza conta con 9.300 explotacións de leite en troca das 10.100 que sumarían os números manexados pola directora xeral. 

Patricia Ulloa foi inquirida pola deputada do BNG, Tereixa Paz, a respeito do acordo asinado en Madrid polos representantes da industria, distribución e algunhas organizacións agrarias (ASAJA) mais que foi rexeitado pola maioría da produción en Galiza (SLG e UPA) ao non contar cun "mecanismo de control e vixianza" que garanta o cumprimento do acordo nen tampouco cun "pacote de sancións", sinalou Paz. 

"Este é o grande calote do século", sinalou Paz

Neste senso, a parlamentar nacionalista deu leitura a un whatsapp no que produtores lácteos daban conta do uso por parte de Carrefour do leite como produto reclamo "15 días despois de asinar o acordo". "A administración que pode facer? Nada, por non existir un pacote de sancións", aseguraba o texto remitido á deputada do BNG. 

"Este é o grande calote do século", sinalou Paz. Porén, desde a Dirección Xeral de Agricultura Patricia Ulloa defendeu o papel de "observador" do goberno español e asegurou "non" poder valorar "de xeito máis positivo que o que é" o que tildou de "acordo histórico, grazas a deus". "Galiza vai ser a grande beneficiaria das axudas" e "a grande gañadora" da sinatura dun acordo que, no entanto, foi criticado polas explotacións gandeiras.  

Comentarios