A Xunta reclama ao Estado máis axentes da Policía Autonómica porque non ten competencias

A policía autonómica non é en si unha policía propia, como no caso de Catalunya ou Euskadi, senón unha división que depende directamente do Ministerio do Interior e por iso a Xunta non pode resolver por si mesma a falta de efectivos e reclama máis axentes ao Estado. Unha policía galega si sería posíbel coa transferencia das competencias de tráfico á Galiza, mais o PP oponse a este traspaso. 

Intervención da Policía Autonómica contra o furtivismo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Intervención da Policía Autonómica contra o furtivismo (Foto: Xunta da Galiza)

O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reclamou ao Ministerio do Interior que complete o persoal de orixe da Policía Autonómica, que era de 500 efectivos, fronte aos 370 da actualidade. Fíxoo na súa visita xunto á conselleira do Mar, Rosa Quintana, á dársena de Oza do Porto da Coruña onde embarcaron na patrulleira lixeira Punta Seixo Branco do  Servizo de Gardacostas.

Alfonso Rueda aproveitou a súa intervención para pór en valor o labor que fai o Servizo de Gardacostas xunto a unha unidade de 16 efectivos da Policía Autonómica na loita contra o furtivismo.

"Fixeron moitas actuacións estes anos, algunhas cun grave risco para os efectivos que tiveron que intervir, detencións, intervencións e postas a disposición xudicial. E con esa tarefa imos seguir", afirmou o vicepresidente primeiro.

A Galiza carece aínda de corpo policial propio 

A policía autonómica non é en si unha policía propia, como no caso de Catalunya (Mossos d'Esquadra), Euskadi (Ertzaintza) ou Nafarroa (Policía Foral). Pola contra, o que ten Galiza é unha división que depende directamente do Ministerio do Interior  e por iso a Xunta non pode resolver por si mesma a falta de efectivos e debe reclamar máis axentes ao Estado no caso de consideralo preciso.

De feito, para que a Xunta tivese competencias nesta materia e houbese un corpo policial propio sería chave a transferencia do Estado á Galiza de tráfico e seguridade viaria.

Mais o PP mudou de criterio respecto a esta transferencia nos últimos meses. Así, no pleno do Parlamento galego do pasado 27 de abril os populares permitiron coa súa abstención que pasase a proposición lexislativa impulsada polo BNG para conseguir esas transferencias. Porén, dous meses despois o PP anunciou o seu voto negativo á lei para a transferencia. 

Precisamente, o debate sobre este traspaso das competencias, que implicaría o desenvolvemento dunha policía galega, xerou críticas en asociacións da Garda Civil que chegaron a manter encontros co PP e o PSOE porque vían o seu desempeño suplido polo novo corpo galego. Para o BNG, o xiro do PP debeuse precisamente a que "sucumbiu ás presións dos sectores máis reaccionarios e españolistas, que queren atacar o autogoberno e a Cámara galega". 

Comentarios