Xunta pide ao Goberno estatal que aplique na Galiza o criterio que usa en Asturias para as franxas horarias

A Fegamp demanda información sobre a situación dos concellos e protocolos unitarios sobre o uso de máscaras.

a veiga asturies
photo_camera A Veiga

A Xunta demandou ao Goberno estatal que utilice na Galiza o mesmo criterio de aplicación da orde de franxas horarias para saídas á rúa que se usa en Asturies, onde o límite a localidades de máis de 5.000 habitantes aplícase en núcleos de poboación e non en concellos.

Así o trasladou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios após a reunión desta terza feira do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) creado na Galiza pola epidemia do coronavirus COVID-19, no que tamén participa a Delegación do Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cuxo presidente, Alberto Varela, demandou á Xunta "información" por territorios sobre a situación sanitaria para mellorar a coordinación no proceso de desescalada.

A Cecop, segundo o exposto por Alfonso Rueda, elevou unha consulta ante o Ministerio de Sanidade para que aclare por que en Asturies se aplica un criterio diferente ao da Galiza á hora de permitir que as saídas á rúa en poboacións de menos de 5.000 habitantes non deban rexerse polas franxas establecidas para evitar concentracións.

"Se seguísemos o exemplo de Asturias, case 50% dos galegos terían liberdade horaria, con todas as garantías sanitarias, para saír das súas casas. Pero, seguindo o criterio da Delegación, só 15% ten esta liberdade", incidiu Rueda.

Concellos

Pola súa banda, en declaracións aos medios ao final da xuntanza, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, insistiu en que os concellos "necesitan información" sobre a súa situación sanitaria, ademais de protocolos unitarios "claros" sobre a utilización de máscaras e "que papel" terán que xogar as administracións locais na súa repartición.

"Agora que se expón por territorios a desescalada, para os alcaldes sería importante que a Xunta compartise a información para facer as previsións do que imos ter que facer os concellos", incidiu o rexedor de Vilagarcía de Arousa, que subliñou a necesidade de "compartir información para que as liñas de acción de cada administración sexan complementarias unhas con outras e non se perdan esforzos e recursos".

Cuestionado sobre o plan de expansión hospitalaria que contempla a Xunta para o proceso de desescalada, Varela sinalou que non se achegou información aos concellos, que insisten en reclamar á Xunta datos por zonas sobre a evolución da epidemia.

Ademais, tamén incidiu en que as administracións locais reciban parte dos fondos extraordinarios habilitados polo Executivo estatal. "Pedimos que nos sentemos todos nunha mesa a ver cales son as medidas a adoptar e cales son as previsións", subliñou Alberto Varela, que considera prioritario abordar o impacto económico da crise.

Máis en POLÍTICA
Comentarios