A Xunta paga 21.400 euros polo proxecto de rehabilitación dun santuario da igrexa

O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, entregou un plan de traballo ao arcebispo de Santiago que prevé un gasto de 719.000 euros para a recuperación do edificio da Virxe da Barca en Muxía.

XUNTA
photo_camera [Imaxe: Conchi Paz/Xunta]

A Xunta de Galiza financiou con fondos públicos o proxecto de recuperación do santuario da Virxe da Barca (Muxía) após arder nun incendio o pasado mes de decembro. O concelleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e a directora xeral de Patrimonio, María Carmen Martínez, fixeron entrega do documento ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

O proxecto, encomendado á empresa ‘K2C Arquitectas’ tivo un custe de 21.400 euros que foron financiados integramente polo goberno galego. Cumpre lembrar que o santuario é propiedade da igrexa católica. 

A rehabilitación do edificio custará máis de 700.000 --no concreto 719.000-- euros pois o lume arrasou con boa parte da estrutura e deixou o santuario sen mobiliario litúrxico. Neste senso, o conselleiro asegurou que a Xunta de Galiza "é consciente da importancia" deste edificio razón pola cal o día despois do incendio o propio presidente declarou "o carácter de urxencia" na redacción dun proxecto de recuperación. 

A Xunta de Galiza continúa sen adoptar medida algunha para a recuperación do Monte Pindo embora pagar un proxecto de rehabilitación para a Barca por valor de 21.400 euros

Naquela altura, a celeridade amosada pola administración galega na adopción de medidas en prol da recuperación dos danos sorprendera á veciñanza da comarca e, nomeadamente, á do Concello de Carnota. Pois, pouco antes do acontecido na Virxe da Barca, até catro focos devastaran o Monte Pindo, un espazo natural único que non recibiu o mesmo tratamento por parte da Xunta. 

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural amosaban o seu desgusto polas declaracións dos responsábeis políticos do executivo galego que, aseguraban, licitarían o proxecto de recuperación "custe o que custe" e coa maior brevidade posíbel. Finalmente, a Xunta asume un proxecto de 21.400 euros na Barca mais continúa sen adoptar medida algunha para a recuperación do Olimpo Celta. 

Comentarios