A Xunta obriga a paralizar SOS Monte Pindo sob ameaza de sancións

A través da xefatura de Distrito forestal o goberno galego obrigou a paralizar o programa de voluntariado posto en marcha pola Plataforma Monte Pindo Parque natural para a recuperación do monte. 

Nun comunicado de imprensa a Asociación Monte Pindo Parque natural comunicou "a dolorosisima decisión" de cesar o programa de voluntariado SOS Parque Natural após comunicarlles a Xunta de Galiza que emprendería sancións contra ela de continuar adiante coas labores de recuperación do espazo natural. 

O goberno galego apela á titularidade do Monte Pindo para paralizar o proxecto de recuperación

Segundo informou a Xunta de Galiza á SOS Monte Pindo é "como se entramos no seu piso a pintar". O executivo galego coida que a existencia dun convenio que obrigaría a aprobar todas as actuacións que se desenvolvan no Olimpo Celta. No entanto, sinalan desde a Asociación, o programa de recuperación deste espazo iniciouse en parcelas " titularidade do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que non só autorizan senón que están a colaborar co proxecto". 

A Xunta di que todas as accións de recuperación do espazo natural deben ser autorizadas previamente

Aliás, desde a administración aseguran que se está a repoboar o Monte Pindo con árbores de viveiro, porén todos os exemplares empregados, apuntan desde Monte Pindo Parque Natural foron recollidos " en bosques naturais da contorna a excepción de doce ameneiros cedidos por convenio co CSIC, certificados xeneticamente e que non plantamos no monte senón no chan de Carnota para que se aclimaten antes de transplantalas ao seu emprazamento definitivo". 

A Xunta ameaza co envío de axentes e sancións

O proxecto de recuperación SOS Monte Pindo --que botaba a andar a comezos de novembro-- foi finalmente paralizado sob ameazas da Xunta que asegurou, enviaría "axentes na próxima acción de voluntariado (prevista para a vindeira fin de semana) para formalizar denuncias".

A administración ameazou á Asociación e o voluntariado con "formalizar denuncias" de continuar adiante coas labores de recuperación

Perante esta situación, @s coordenador@s do programa decidiron "paralizar indefinidamente" o proxecto para "non expor ao voluntariado" nen á propia Asociación ás sancións que se puider producir. No entanto, aseguran que están a estudar, xunto co Concello de Carnota, as medidas a adoptar para continuar co traballo de recuperación do Olimpo Celta, pois, "a forza do noso amor non pode ser inútil", sentencian coas verbas do poeta do Courel, Uxío Novoneyra. 

Aliás, denuncian estaren sendo obxecto dunha "persecución política" por parte da Xunta quen se negou, afirman, a tomar as medidas precisas para evitar maires danos medioambientais após o incendio que acabou co Pindo.

Comentarios