A Xunta non fai público o contrato asinado coa discográfica de Enrique Iglesias

A directora xeral de Turismo asegura que o "retorno económico" xa comezou após "máis de 2 millóns de visitas" obtidas polo vídeo nunha semana.

Carme Adán
photo_camera Carme Adán [Arquivo]

A deputada do BNG, Carme Adán, solicitou esta quinta feira (5 de marzo) á Xunta que faga público o contrato asinado entre a Axencia de Turismo e Universal Music, a discográfica de Enrique Iglesias. 

Adán fíxoo após asegurar o voceiro de Cultura do Partido Popular, Agustín Baamonde en comisión parlamentar que rescindir o contrato saía "máis caro" que executalo. O acordo entre ambas as dúas as partes, sinalou Adán, foi asinado en xaneiro deste ano, tempo despois de que integrantes de Universal viaxaran até A Coruña para gravar diversos planos da Torre de Hércules. 

A día de hoxe, afirmou a parlamentar do Bloque, "non coñecemos as cláusulas" dese acordo, como tampouco se este se baseou nalgún "informe técnico" que avale a viabilidade económica dun investimento público "un 30% maior do que gastará a Xunta en festivais de música galegos durante o 2015" ou igual cantidade que a destinada "en 4 anos" ás subvencións audiovisuais, explicou Carme Adán. 

O contrato supón un "30% máis" do que a Xunta inviste durante todo o ano en festivais musicais en Galiza

Desde a Dirección Xeral de Turismo, a súa responsábel, Nava Castro, asegurou que o contrato responde á "quinta liña estratéxica" que compón o plan turístico da Xunta e que pula pola "internacionalización" da marca Galiza no estranxeiro. "Non subvencionamos a Enrique Iglesias", dixo "nen pagamos o videoclip". "Enrique Iglesias non cobrou nada, cero", indicou. 

Segundo Castro os "45 segundos" de imaxes galegas que inician o vídeo músical son capaces de outorgar unha "repercusión mundial" do noso país entre @s "60 millóns de seguidores" que posúe o artista, espallados por "todo o mundo", de "todas as idades e condicións sociais", acrecentou. 

Visitas, 'gústame' e 'retweet'

E o retorno económico do que se gaba a Xunta? Segundo Nava Castro xa está a se producir após obter "máis de 2 millóns de visitas" durante a primeira semana desde que foi pendurado na plataforma Vevo, e incrementar en máis de 20 mil @s utentes de Facebook, Twitter e Instagram. Mais os dados achegados pola responsábel de Turismo valéronlle as críticas da deputada do BNG. 

Carme Adán definiu o contrato como "unha cosmopaletada máis da Xunta" e "un despilfarro de diñeiro público"

Carme Adán lembroulle que "as redes sociais non son un informe técnico". "Os gústame e os rechíos non implican un retorno económico", afirmou e insistiu en asegurar que o investimento supón un "despilfarro de diñeiro público" no que definíu como "unha cosmopaletada máis da Xunta". "É un vídeo sexista" que reproduce unha imaxe de Galiza "deformada", aseverou a Adán. 

Desde o BNG demandaron "transparencia" e unha explicación a respeito da "clase de turismo" que pretende promover o goberno galego. E é que o noso país perdeu nos últimos anos visitantes que demandan produtos culturais pasando do 2% ao 1,3%, indicou Adán. Ao contrario do que está a acontecer noutros territorios como Euskadi que en 2008 --ao igual que Galiza-- oscilaban arredor do 2% de turismo cultural e a día de hoxe incrementaron en 4 décimas esta demanda. 

Nava Castro retrucou a parlamentar do BNG tirando de gastos pagados durante o goberno bipartito en promoción turística como unha "acción gastronómica" na sede da ONU en Washington pola que se terían pagado 522 mil euros "só con factura" ou nun "programa de cociña" emitido pola televisión pública PBS. "Deixen de facer demagoxia", criticou a directora xeral. 

Comentarios