O vice-presidente da Xunta de Galiza visitou esta segunda feira o Monte Pindo após o incendio que devastou o Olimpo celta a pasada semana. Alfonso Rueda declinou adiantar se o executivo o declarará zona catastrófica --como pide o alcalde de Carnota, Ramón Noceda (BNG), a Asociación Monte Pindo Parque Natural e o movemento ecoloxista.
Alfonso Rueda di que a Xunta non ten "un posicionamento adoptado" a respeito da consideración do Pindo como zona catastrófica
Após arder durante catro xornadas consecutivas e pór en xaque os concellos de Carnota, Mazaricos e Dumbría, esta foi a primeira ocasión en que o executivo galego se pronunciou con clareza ao respeito do acontecido. Rueda asegurou que a administración "avaliará os danos" causados e posteriormente "decidiremos" pois dixo, a Xunta "non ten en pricipio un posicionamento adoptado".
Neste senso, as demandas veciñais urxen a catalogación do Monte Pindo como zona catastrófica para inciar o proceso de recuperación e repoboamento do bosque ao tempo que outorgar axudas e contra-prestacións ás familias prexudicadas polo incendio.
O número dous do executivo galego aproveitou para criticar os colectivos que demandan a declaración de zona catastrófica e asegurou botar en falta que "xunto a esas peticións" --a de zona catastrófica e Parque Natural-- non se inclúa "un aviso a potenciais futuros incendiarios".
Demisións d@s responsábeis de Medio Rural e Medio Ambiente
A respeito das demisións exixidas desde a oposición e a Asociación Monte Pindo que demandaron a saída de Agustín Hernández e Rosa Quintana como "responsábeis políticos" da catástrofe, o vice-presidente da Xunta de Galiza declinou responder e asegurou que Medio Rural e Medio Ambiente "están para intentar facer ben as cousas e os que están na oposición", acrecentou, "ás veces para facer oposición construtiva e outras consistente en pedir demisións e non outras alternativas".
Hernández e Quintana non demitirán porque están "para tentar facer ben as cousas"
O Parque Natural "non aportaría ningún beneficio"
Alfonso Rueda considerou na súa comparecencia de imprensa que ter recoñecido con anterioridade o Parque Natural para Monte Pindo --como demandan desde hai tres anos-- "non aportaría ningún beneficio" na prevención do incendio --como afirman desde a Asociación Monte Pindo. Segundo o número dos da Xunta a actual calificación da zona como parte da Rede Natura 2000 é "plenamente válida", embora non existise un servizo de vixianza permanente como si acontece nos parques naturais.
Así as cousas, a Asociación Monte Pindo continúa a demandar esta catalogación para a zona mais a Xunta tampouco se pronunciou ao respeito.