A Xunta non declarará Parque Natural o Monte Pindo

Feijóo alega que Carnota xa é Rede Natura 2000 para asegurar que "non hai posibilidade de darlle máis protección e conservación" a este espazo natural. 

Nen parque natural, nen zona catastrófica. O presidente da Xunta de Galiza avanzou esta cuarta feira en sesión parlamentar que o goberno galego non catalogará o Monte Pindo coa máxima figura de protección como demandan a veciñanza da comarca, a Asociación Monte Pindo Parque Natural e o movemento ecoloxista

"Carnota é Rede Natura", afirmou Alberto Núñez Feijóo desde o escano e "ten a mesma protección que calquera outro espazo protexido", acrecentou. Mais o certo é que non.

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, lembroulle que a consideración do Pindo como Parque Natural non só lle exixiría á Xunta a asignación dun orzamento anual --co que non conta na actualidade-- senón que xeraría un órgano de xestión do Parque con representación para as asociacións veciñais e o Concello --propietarios do mesmo, amais doutros actores interesados na conservación do monte. 

Aliás, os fondos públicos fornecidos permitirían "a creación dun servizo de garda e vixiancia permanente". Porén, para o presidente da Xunta "non hai posibilidade de darlle máis protección e conservación que a que ten". 

Nin unha palabra da zona catastrófica

Ouvidos xordos do líder do executivo galego ás demandas da Asociación Monte Pindo, do concello de Carnota e do movemento ecoloxista que tamén demandan a declaración da zona atinxida polo lume como catastrófica á fin de iniciar o proceso de recuperación do monte ardido mais tamén do agro e das moradas que se viron afectadas polas lapas. 

Neste senso, Núñez Feijóo eludiu responder ás demandas do BNG embora lle exixiren "responder con clareza". Neste senso, o vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzou a pasada semana que o goberno galego non ten previsto declarar Carnota como zona castrófica, cando menos, non sen demora. 

A inacción da administración xa foi retrucada desde a Alcaldía a través do rexedor, Ramón Noceda (BNG) quen asegurou que "se a Xunta non fai nada por recuperar o Monte Pindo" farano a veciñanza e o concello. 

Comentarios