A Xunta modifica unha oposición e beneficia un alcalde do PP

O CSIF denuncia a retirada da praza do rexedor de Cervo
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, nunha imaxe da web do Concello. (Foto: Concello de Cervo)
photo_camera O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, nunha imaxe da web do Concello. (Foto: Concello de Cervo)

A Xunta "modificou unha oposición para que un alcalde do PP manteña a praza sen presentarse a exame". Así de rotunda é a afirmación do sindicato CSIF na Galiza respecto á mudanza na convocatoria de Medio Rural para consolidar unhas 40 prazas de veterinarios, para que pasen a ser persoal laboral fixo despois de anos con condicións de temporais. Se no documento que se pactou entre todas as partes aparecía tamén incluída na bolsa ofertada a praza que ocupa o rexedor de Cervo, Alfonso Villares, no anuncio que chegou ao Diario Oficial da Galiza (DOG), ese posto -no que na práctica non exerce Villares pola súa condición de rexedor-, desapareceu da listaxe. Porén, o PP de Cervo saíu en defensa do político asegurando que non existe "trato de favor ou privilexio por parte da Xunta" malia reservar ese traballo. 

Desde o CSIF, que detectou esta supresión da praza que ten Villares malia estar nunha "excedencia forzosa" grazas á denuncia do propio corpo de veterinarias e veterinarios que se vai someter ás probas antes de que remate o ano, destacan que na oposición había unha serie de postos contemplados no catálogo para facer "persoal laboral fixo 40 interinos", entre eles o propio rexedor do PP. 

Nun primeiro momento, "Función Pública mandou aos sindicatos o anexo con todas as prazas pero no DOG faltaban dúas, unha dunha persoa que está de baixa e a do alcalde de Cervo". 

O funcionariado que se vai examinar de novo reparou en quen estaba detrás do posto polo código e porque "é un colectivo pequeno que leva tempo na Xunta e todos se coñecen". 

Após detectar o que podería ser un erro, contactaron con Función Pública da Xunta para pedir explicacións sobre o acontecido e, finalmente, recibiron a resposta de que se trataba dun caso "excepcional". 

Precisamente a esa excepcionalidade apunta a representación laboral ao falar de "nepotismo", dado que Villares podería concorrer á oposición ao igual que o resto de compañeiros. 

Defensa dos populares

Ante a denuncia, o grupo municipal do PP no concello da Mariña defendeu que non existe "trato de favor" e sinalou que "non procede xuridicamente que se convoque a cobertura dunha praza por oposición, cando quen a ocupa se atopa en excedencia forzosa". 

Os populares entenden que no caso de que a praza saíra ao concurso "estaríase imposibilitando o dereito ao seu reingreso e sometendo a Administración a unha condena xudicial segura por incumprir coa obriga de reserva da praza". Ademais, sinalan que o alcalde conseguiu a condición de traballador indefinido "por sentenza xudicial" en 2000. 

Diferentes criterios

En calquera caso, esta consideración de imposibilidade para presentarse a exame bate directamente co discurso do CSIF, que lembra que a convocatoria é aberta e o resto de veterinarias tamén poderían perder as prazas que ocupan. 

"O que suspenda e non sexa alcalde vai ir ao paro e o que aprobe pode seguir na súa praza ou obter outra" coa consecuente mobilidade xeográfica, destaca. É dicir, para o resto de especialistas do grupo profesional non se teñen en conta as súas circunstancias persoais para evitarlles a perda do posto de traballo e a diferenza de criterios mantén "enfadados" as e os demais candidatos.  

Comentarios