A Xunta mantén a opacidade dos proxectos Next Generation privados

Na documentación entregada aos grupos parlamentares e á que tivo acceso Nós Diario só figuran os títulos dos proxectos públicos que aspiran a fondos Next Generation. En toda a listaxe, non se atopa referencia algunha a ningún dos 107 proxectos privados por “confidencialidade".
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na comisión parlamentar de Reactivación.
photo_camera O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na comisión parlamentar de Reactivación (Foto: Xunta da Galiza)

O vicepresidente segundo da Xunta da Galiza e conselleiro de Economía, Francisco Conde, defendeu esta cuarta feira, 21 de abril, na comisión de Reactivación do Parlamento galego a estratexia do Goberno de Alberto Núñez Feixoo cos proxectos Next Generation que presentará ao Estado español para candidatar Galiza á captación de fondos europeos de reconstrución. 

Na súa intervención, Conde explicou que, neste momento, a candidatura galega contén 354 proxectos que poderían chegar a mobilizar un investimento de 20.000 millóns de euros. Desas iniciativas, 247 son públicas e procuran mobilizar 7.000 millóns; mentres que 107 parten da iniciativa privada, con 13.000 millóns de investimento previsto.

Porén, na documentación que se entregou este 21 de abril, durante a comisión, aos grupos parlamentares e á que tivo acceso Nós Diario só figuran os títulos dos proxectos públicos que aspiran a fondos Next Generation. En toda a listaxe, non se atopa referencia algunha a ningún dos 107 proxectos privados por “confidencialidade", segundo se aludiu. Aliás, no informe entregado, non hai ningún tipo de descrición que explique en que consisten os proxectos públicos, limitándose a aparecer os títulos e o investimento que pretenden captar.

Así, no debate a oposición volveu cargar de novo contra pola falta de información e transparencia sobre os proxectos Next Generation da Xunta. Noa Presas (BNG) cualificou a información achegada polo conselleiro de Economía de "lista abstracta", sen datos sobre cada proposta e avanzou que seguirán pedindo información, e recriminou ao Executivo que "está instalado na soberbia, a falta de diálogo e o autoritarismo".

Presas lamentou a "falta de detalles" e aproveitou para reclamar a xestión galega dos fondos fronte á idea de estabelecer a repartición desde o Estado. 

Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo un "suspenso claro" á Xunta na súa xestión das propostas Next Generation, criticando a súa "opacidade" e "segredismo". Así, emprazou o Goberno galego a deixar a "propaganda continua" e a apostar  por unha folla de ruta "concertada" e "seria", para o que dixo ter a "man tendida" en prol do consenso. "Erraron coa reforma da Lei de Saúde, que fixeron sós ante o perigo até que a parou o Tribunal Constitucional por vulnerar dereitos fundamentais, e errarán se se presentan sós ante o perigo da crise sen buscar a concertación á hora de alcanzar financiamento de Europa", afirmou Caballero.

Os proxectos públicos con maior orzamento

Segundo a lista entregada por Conde na comisión, os proxectos que maior investimento procuran son os titulados "Eficiencia enerxética nos centros educativos" (200 millóns), "Ampliación e mellora das infraestruturas de depuracións menos eficaces ou eficientes" (120 millóns), o "Polo aeroespacial da Galiza" (533 millóns), "Tecnoloxía das comunicacións cuánticas" (139 millóns), o "Polo de emprendemento rural" (155 millóns), "Rehabilitación de infraestruturas educativas públicas" (190 millóns), "Ampliación do Hospital de Montecelo" (156 millóns) e "Novo Chuac da Coruña" (296 millóns).

Participación dos Concellos

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) informou da aprobación dunha declaración institucional en que reivindica a participación das entidades locais no reparto dos fondos e pola que solicita ao Goberno do Estado que transfira directamente ás entidades locais 15% dos fondos Next Generation que correspondan a España.

Comentarios