A Xunta inxectará fondos públicos nas concesionarias das autovías do Salnés e o Barbanza

Farao para paliar a queda dos beneficios destas empresas por mor da escasa circulación. O conselleiro de Infraestruturas anunciou que están a estudar distintas fórmulas de resgate. Desde o BNG denuncian a medida e tíldana de "fraude á sociedade".

Xunta
photo_camera [Imaxe: Xunta de Galiza]

A Xunta de Alberto Núñez Feijóo sairá ao resgate das empresas concesionarias que xestionan as autovías do Salnés e o Barbanza. Así o asegurou o conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, en sesión parlamentar a cuarta feira (28 de maio). A decisión da Xunta de Galiza visa paliar os reducidos gaños das concesionarias após 5 anos de queda do tránsito e dar cumprimento ás demandas das empresas que ameazan con se declararen en quebra, algo que exixiría --segundo o contrato asinado-- que a administración asumise o pagamento de 127 millóns de euros en concepto de indemnización.

As contas non dan nen para a Xunta nen para as concesionarias que prevían uns beneficios superiores aos 10 millóns en 2013, porén só ingresaron 8,5 froito dunha circulación cada vez menor. E é que o modelo de negocio acordado por Novagalicia Banco, Itinere, Copasa e Puentes y Calzadas --propietarias das autovías-- e o daquela goberno de Fraga baséase nunha "peaxe encuberta".

A Xunta paga os lucros ás concesionarias con cartos públicos

Neste senso, a Xunta de Galiza está obrigada a pagar os intereses do custe da súa construción máis unha porcentaxe por cada vehículo que transita en calidade de 'canon' por mantemento. Sendo que en 2013 o tráfico foi un 40% inferior ao previsto, as concesionarias din sofrer polos baixos gaños e exixen á Xunta que inxecte máis diñeiro público a modo de compensación. Do contrario, ameazan con se declararen en quebra e obrigar --de acordo co contrato-- a que a administación asuma a indemnización e un novo concurso de licitación.

O responsábel de infraestruturas, Agustín Hernández, tivo que responder perante as preguntas formuladas polo grupo parlamentar do BNG e esclarecer se resgatará ou non estas empresas privadas. Se ben, nun primeiro momento negou que serían resgatadas o certo é que Hernández recoñeceu estar a avaliar "distintas posibilidades" que resultarían na inxección de máis fondos públicos.

"É un problema dado, que hai que enfrontar e resolver da mellor maneira posíbel para os intereses xerais, tendo en conta as determinacións legais e a propia normativa", sinalou o conselleiro no Pazo do Hórreo. “A intención da Xunta é manter en servizo e libres de peaxe, co menor custo e tratando de evitar a responsabilidade patrimonial da Administración", acrecentou, unha cantidade [127 millóns] que di ser "inasumíbel na actualidade".

Unha "fraude á sociedade"

A Xunta de Galiza valora, pois, como aumentar o diñeiro público que se destina ás empresas concesionarias con outras opcións como poderían ser préstamos participativos, novas licitacións ou o aumento dos prazos das súas concesións (até o de agora fixadas até 2035), o que prolongaría o pagamento da Xunta no tempo.

Sexa como for, desde o BNG denuncian que o "resgate das autovías" é unha "fraude á sociedade" galega que ve, máis unha vez, como  "a Xunta salva a Banca e as empresas con cartos públicos” mais non, sinalou a deputada Ana Pontón, "aos desempregados e desafiuzados". Aliás, a parlamentar do Bloque censurou que estas mesmas empresas aparecen citadas na trama Gürtel ou como “Puentes y Calzadas” que deron traballo ao propio conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Comentarios