A Xunta insiste en soster as residencias privadas e dá 350.000 euros ás "Escravas"

A Xunta aprobou unha achega de 340.000 euros para a orde relixiosa das Escravas da Virxe da Dolorosa pola xestión de dous centros de atención á dependencia de persoas con discapacidade, situados en Mos e Crecente.  
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta onte dos acordos tomados polo Goberno galego na súa reunión semanal.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta dos acordos tomados polo Goberno galego. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)

O acordo aprobado polo Consello da Xunta coa entidade relixiosa forma parte dos 950.000 euros cos que o Goberno galego financia o mantemento das iniciativas dunha decena de entidades non federadas que prestan servizos de asistencia básica e para o desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual. Así o deu a coñecer esta quinta feira, 24 de xuño, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello da Xunta. 

O centro residencial de Crecente, coñecido como Casa Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey, protagonizou a inicios de ano un dos gromos de coronavirus máis elevados, con medio centro de positivos entre persoas usuarias e traballadoras. Segundo os rexistros do portal de Política Social, das 80 prazas deste centro, 67 son financiadas pola Xunta.

Nos mesmos rexistros aparecen en Mos dous centros destas relixiosas, un ocupacional e outro residencial, este último con case 100% das prazas pagadas pola Administración galega (77 das 80 autorizadas). Estas achegas, di o Executivo galego, súmanse aos 4 millóns cos que a Xunta "garante a continuidade do servizo e as condicións laborais dos traballadores das federacións de entidades de discapacidade". 

A eutanasia poderase solicitar desde "xa"

Tamén após o Consello da Xunta, o presidente ratificou que a tramitación para solicitar a eutanasia poderá iniciarse "xa" na Galiza, dado que a lei orgánica estatal que a regula entra hoxe vigor, aínda que a creación da comisión de garantías (órgano encargado de tomar a decisión última se hai conflito) aínda non se materializou. O motivo, segundo explicou, é que se solicitou que o Consello Consultivo se pronuncie sobre o decreto que vai regular este órgano. Iso si, garantiu que en cuestión de "semanas" como moito haberá un ditame que achegue a "máxima seguridade xurídica".

Aliás, afirmou que, na súa opinión, a Lei de coidados paliativos aprobada polo Parlamento galego en 2015 era máis respectuosa "coas distintas sensibilidades" que a eutanasia.

Os maiores de 40 estarán inmunizados en xullo

O presidente da Xunta tamén avanzou que o Sergas prevé recibir a próxima semana máis de 175.000 vacinas e a previsión é que as persoas maiores de 40 queden inmunizadas con pauta completa fronte á Covid-19 en xullo, mes en que, ademais, comezarán a vacinar "con intensidade" o colectivo de 30 a 39 anos.

Noutra orde, Feixoo informou da resolución de axudas para a mellora da competitividade dos parques empresariais e para a construción de viveiros industriais. Serán 5,5 millóns que se repartirán entre medio cento de concellos. Tamén avanzou a posta en marcha dun novo reforzo dos programas de investigación avanzada das universidades galegas, coa aprobación dunha achega de 9,3 millóns de euros ás universidades da Coruña e Vigo.

Comentarios