A Xunta incorre en fraude coas interinas e interinos de longa duración

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza advirte á Xunta que está a incorrer en fraude coas interinas e interinos de longa duración se non convoca as prazas. Na sentenza dá a razón a un traballador que estivo 20 anos sen que se convocara a súa praza.
Alberto Núñez Feixoo na apertura do curso xudicial do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en setembro. (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo na apertura do curso xudicial do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en setembro. (Foto: Europa Press).

A Xunta da Galiza incorre "en fraude" coas traballadoras e traballadores en situación de interinidade de longa duración se non convoca as súas prazas, advírtelle nunha sentenza a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

O tribunal reclamou á Xunta que cumpra coas súas responsabilidades nun auto no que desestima un recurso de suplicación que presentara contra unha sentenza previa do Xulgado do Social Número 1 de Lugo pola que declarou que un traballador que levaba case 20 anos como interino debía ser considerado como indefinido non fixo, nunha resolución do pasado 19 de maio mais feita pública hoxe.

O empregado prestaba servizos como 'legoeiro' desde 2001 coa entón chamada Consellaría de Política Territorial e Obras Públicas. En xaneiro de 2012, foi traspasado á Axencia Galega de Infraestruturas, un organismo público que agora depende da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade.

Xa en 2019, o traballador presentou recurso de alzada para solicitar o seu recoñecemento como indefinido non fixo, o que foi aceptado polo Xulgado do Social de Lugo.

Todo isto quedou confirmado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que sentenciou como “fraudulenta” unha situación na que un empregado público nomeado por unha duración marcada até que a vacante se cubra por unha praza definitiva ocupe ese posto "de modo ininterrompido durante varios anos", e no "marco de varios nomeamentos ou durante un período inxustificadamente longo".

“Non houbo nestes 20 anos nin un só intento de convocar a praza”

"Por unha banda, temporalmente trátase dun tempo excesivo e, por outra banda, parece concorrer a fraude, desde o momento no que non houbo nestes 20 anos nin un só intento de convocar a praza", explica a sentenza.

Asemade, salienta que hai "unha consolidada liña xurisprudencial" do Estatuto Básico do Empregado Público, que aínda con matices, indica a maxistratura, apunta que “cando se supera o límite temporal máximo de tres anos para a súa cobertura desde que a mesma quedou deserta” xa non se pode considerar a relación como interina.

Comentarios