A Xunta gasta máis dun millón de euros nunha nova campaña publicitaria

A CIG denuncia que a administración galega empregue boa parte do seu orzamento para promocional a Lei galega de emprendemento e a dinamización demográfica no país. O BNG exixiu que o executivo de Núñez Feijóo explique no Parlamento os motivos destas contratacións publicitarias

As devanditas campañas pretenden promocionar "o talento empresarial" e a "dinamización demográfica en Galiza". O orzamento feito público pola administración supera o millón de euros. Unha contía, que desde a central sindical consideran "un abuso do gasto en publicidade". 

520.000 euros para promover a Lei galega de emprendemento

Neste senso, o Diario Oficial de Galiza publicou a pasada semana un anuncio de contratación para a campaña Galicia Emprende por parte da Consellaría de Economía e Industria. O orzamento total deste contrato supera os 500.000 euros, dos cales 434.000 irían destinados á inserción en medios de comunicación (prensa, radio, televisión, internet e valos). Doutra banda, 10.000 euros reservaranse para a "comisión de axencia" --unha porcentaxe de beneficio empresarial que procura mellorar as condicións das insercións-- para alén dos 75.000 euros en custos de creatividade e deseño publicitario. 

O obxectivo da campaña é “impulsar o talento galego e a innovación empresarial como claves para recuperar o crecemento”. Mais, desde a central nacionalista alertan que o obxecto da Xunta é "darllle un pouco de autobombo á futura Lei galega de emprendemento". 

640.000 para sensibilizar a sociedade da crise demográfica

Asemade, a Xunta de Galiza publicou un outro anuncio de contratación para unha campaña 'Galiza emprende' "de sensibilización para a dinamización demográfica de Galicia" cuxo orzamento se sitúa en 640.000 euros. Sendo, de novo, o groso para as insercións en medios e unha porcentaxe do 2,5% (14.000€) en concepto de comisión. 

Segundo o prego publicado, a Xunta centrará a campaña na "sensibilización" a respeito da crise demográfica que atinxe o país e non, denuncian desde a CIG, "polo reforzo dos servizos públicos". 

Exixen que o Goberno galego dea explicacións no Parlamento

Na central sindical, amósanse "preocupad@s" polos obxectivos reais destas campañas publicitarias das que din, amosan "unha desproporción evidente entre o que se gasta en publicidade e a inversión real que despois aparece detrás". Neste senso, denuncian "o autobombo" perseguido polo executivo galego fronte "os esforzos" exixidos á sociedade galega. 

Após a denuncia pública presentada pola CIG, desde o grupo parlamentar do BNG exixiron ao executivo de Alberto Núñez Feijóo que explique na Cámara "por que gasta máis de medio millón nunha campaña sobre a demografía" logo de "todos os recortes en materia de conciliación e emprego nos últimos 5 anos". 

Comentarios