A Xunta insiste na fusión de municipios: gasta 72.000 nunha enquisa para tentear a opinión social

Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade perderon medio milleiro de habitantes desde que se fusionaron —en 2013 e 2016 respectivamente— da man do Goberno de Feixoo.
Oza e Cesuras fusionáronse en 2013 (Foto: Europa Press).
photo_camera Oza e Cesuras fusionáronse en 2013 (Foto: Europa Press).

A Xunta elaborará unha enquisa para coñecer a opinión das e dos galegos sobre os procesos de fusión de municipios, unha sondaxe á que a Administración destinará un total de 72.600 euros.

A enquisa será elaborada a partir da vindeira semana, segundo informou a Xunta tras a reunión mantida esta sexta feira pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, con persoal da Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas.

Nun comunicado, o Goberno galego sinala que a sondaxe pretende "coñecer a opinión da poboación sobre o tamaño actual dos concellos, o seu interese sobre as fusións e outros procesos de redimensionamento municipal, así como a súa percepción sobre as consecuencias da remodelación da planta municipal".

A Xunta cre que cómpre "racionalizar" o mapa local actual e reserva unha partida de 1,5 millóns de euros para tal fin

Ademais, o proxecto tamén prevé realizar entrevistas a representantes políticos e persoas expertas para abordar "a expertos sobre as diferentes alternativas coas que racionalizar o mapa local actual".

A Xunta sinala que a colaboración coa Fundación Juana de Vega "ten como principal obxectivo abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político-administrativo da Galiza, así como avaliar se a planta municipal é eficiente".

O Executivo galego expresa a súa vontade de continuar impulsando fusións de concellos, para o que reserva unha partida de 1,5 millóns de euros nos orzamentos de 2021. Na última década foron catro os municipios que se fusionaron: Cerdedo-Cotobade (2016) e Oza-Cesuras (2013).

Cómpre lembrar que ambos os dous novos concellos perderon máis de 500 habitantes desde entón.

Comentarios