A Xunta fixa o Debate do Estado da Nación este mes de setembro

O Debate do Estado da Nación será este mes, setembro. Así o anunciou este sábado a Vicepresidencia da Xunta, quen rexistrou a petición no Parlamento galego para o pleno extraordinario co único punto da comparecencia de Alberto Núñez Feixoo para “informar e debater respecto da situación política” da Galiza.
Parlamento_de_Galicia
photo_camera O Parlamento de Galiza. Foto: cedida.

Será o terceiro debate da lexislatura e o noveno de Feixoo como presidente. Dura tres xornadas, con réplicas dos agora catro grupos da oposición -PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e grupo mixto- e o debate e votación dun ditame. Será agora a Mesa da Cámara e a xunta de portavoces da mesma a que fixen a data concreta.

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, xa valorou a convocatoria e asegurou que o obxectivo é “falar de Galiza e falar menos de España”. “O que lle interesa aos galegos é que falemos de Galiza, sen interferencias do que suceda no conxunto do Estado”, dixo en declaracións aos medio na Coruña este sábado, antes de criticar a “inestabilidade” do Goberno en funcións a causa de Pedro Sánchez.

Tamén o líder do grupo mixto Luís Villares falou do asunto e cargou contra Feixoo por “comezar a precampaña das eleccións xerais” co Debate de Estado da Nación.

Comentarios