A Xunta financia con 302.500 euros o 'reggaeton' de Enrique Iglesias

O executivo galego asina un contrato, através de Turismo, coa discográfica Universal Music como parte da "promoción" de Galiza.

Enrique Iglesias

A Xunta de Galiza adxudicou esta cuarta feira (4 de febreiro) un contrato á discográfica Universal Music Spain S.L. por valor de 250.000 euros máis IVE. En total, 302.500 euros que irán parar ao videoclip do último tema de Enrique Iglesias, 'Noche y de día'. 

Con esta operación o goberno de Alberto Núñez Feijóo, através da Secretaría Xeral de Turismo, quere contribuír á promoción da imaxe de Galiza através da financiación dunha parte da produción do video musical no que aparecen lugares como a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules ou a Cidade da Cultura, entre outros espazos. 

En total máis de 50 millóns das antigas pesetas para 'axudar' a pagar os custes dunha superprodución musical a conta de Enrique Iglesias. En definitiva, o excutivo galego outorgará máis de 300 mil euros a unha canción de reggaeton en cuxa letra se pode escoitar 'hai calor na cidade, hai calor na bahía'; 'hoxe dixéronme que na noite es a raíña, que ti moves a cintura con indecencia'. 

Desde a Xunta din que se trata dun investimento que será retornado e que contribuirá a proxectar a imaxe de Galiza. 

Con esta decisión Feijóo retoma a estratexia promocional que iniciou Fraga durante o Xacobeo 92 cando lle concedeu ao pai de Enrique, Julio Iglesias, 300 millóns de pesetas após nomealo embaixador de tan ilustre festividade. 

Baltar e Alejandro Sanz 

Mais a cousa non fica aí, hai unhas semanas o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar anunciou a concesión de 18 mil euros ao tamén cantante Alejandro Sanz para lle financiar parte dun vídeo musical. Segundo Baltar o obxectivo é que a provincia ourensá obteña "impacto mundial" através das imaxes que gravará Sanz quen xa visitou a cidade das Burgas para reunirse con Baltar. 

Comentarios