Política

O Goberno galego estuda as vías legais para aprazar as eleccións do 5-A

O presidente galego asegura que só se celebrarán os comicios se hai "garantías" para todas as galegas o 5 de abril.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, advertiu esta quinta feira que, en plena crise sanitaria polo coronavirus, considera "secundarias" as eleccións galegas convocadas para o 5 de abril, unha data na que, baixo o seu punto de vista, "só deben celebrarse" estes comicios "se hai garantías" nunha dobre vía: que as galegas exerzan o seu dereito a sufraxio e o operativo electoral.

Así, tras admitir que falou co lehendakari, Iñigo Urkullu, Feixoo explicou que o seu Goberno, do mesmo xeito que o vasco, estuda os mecanismos legais que habería que activar "no caso de que se chegue á conclusión de que o máis recomendábel" é suspender os comicios.

"As eleccións na Galiza son absolutamente secundarias, o único que nos importa é a saúde pública, por iso recomendamos aos partidos suspender os actos de precampaña e así o vai a facer o PP. (...) As eleccións só se poden celebrar o 5 de abril se temos garantías de que todas as galegas poden votar con absoluta garantía e todos os membros das mesas (electorais) poden estar alí 12 horas", dixo o candidato á reelección.

Ao tempo, após admitir que pediu informes á Asesoría Xurídica da Xunta e tamén de expertos sanitarios sobre o impacto que tería celebrar os comicios, anticipou: "se non hai garantías para celebrar as eleccións, como responsábeis de saúde pública, dirémolo".

A continuación, incidiu en que a decisión última correspondería ao Goberno estatal. Non en balde, admitiu que "non hai previsión legal" que permita aprazar os comicios e tería que facerse unha interpretación "constitucional" da lei.

Preguntado acerca de se requiriría cambios na Constitución, respondeu que, baixo o seu punto de vista, non é preciso que o suposto de aprazar os comicios estea na Carta Magna, aínda que matizou que quizais si sería "bo" que se contemplase na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg).

En todo caso, deu por feito que calquera impedimento legal vai poder sortear porque "o dereito é sentido común e a lei ten que aplicarse á realidade na que se vai a aplicar".

"E no ámbito da saúde pública estamos a protexer o ben máis prezado, que é a saúde das persoas", esgrimiu, convencido de que, chegado o momento, os xuristas e expertos consultados evacuarán o informe que avale as decisións correspondentes.

Así as cousas, Feixoo concluíu que, "se se pode votar", se manterá a convocatoria do 5 de abril, e, se isto non é así, tocará "buscar unha fórmula" para "pospoñer as eleccións até que haxa garantías para votar". "Onte así o valorabamos nunha charla coloquial con todos os grupos", sostivo.

Comentarios