A Xunta estuda recorrer a sentenza, aínda que avala a actuación do Estado

Así o anunciou Alberto Núñez Feijóo, quen apunta á clasificadora, a aseguradora e o armador do petroleiro como responsábeis do acontecido. Alias, o presidente da Xunta considerou que a sentenza xudicial "defende a actuación" dos responsábeis da Marina Mercante "con bastante claridade".

"Quen vai pagar os danos?". Esa foi a pregunta que se fixo o presidente da Xunta de Galiza en comparecencia de imprensa esta quinta feira. Após a leitura da sentenza xudicial sobre o Prestige, Núñez Feijóo anunciou que o seu goberno "está a estudar" a posibilidade de presentar un "recurso de casación" perante o Tribunal Supremo contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña.

"Quen vai pagar isto?"

Segundo o líder do executivo, "o que lle interesa a Galiza é quen vai pagar isto" --en relación aos danos medioambientais causados polas verteduras-- mais, neste senso, Feijóo ten claro que non existen responsabilidades do Goberno de Madrid, senón da "clasificadora, a aseguradora e a armadora" do Prestige, pois, para o presidente da Xunta, o fallo xudicial coñecido o día 13 de novembro "defende a actuación dos responsábeis da Marina Mercante con bastante claridade". Unha valoración que apuraron en facer pública desde o Partido Popular e o Goberno español horas despois de se coñecer o fallo.

Feijóo asegurou que a sentenza "defende con claridade" a actuación de López Sors

Así, anunciou que os servizos xurídicos da Xunta, a Fiscalía e a avogacía do Estado están a estudar a posibilidade de presentaren un recurso de casación perante o Supremo --para o que contan cun prazo de 5 días hábiles. 

O Prestige unha "chatarra flotante"

Alberto Núñez Feijóo non quixo valorar en profundidade a sentenza se ben dixo "hai que respectar" o seu contido, para alén "da opinión persoal" de cada quen. No entanto, asegurou que o resultado da mesma deviña en grande medida do fallo emitido polos tribunais estadounidenses en 2008 e no que,ao seu entender, "pasou desapercibido que unha chatarra flotante" --como calificou o Prestige-- "puidese navegar" portando "unha substancia tóxica". 

O presidente di partillar "a decepción" cidadá mais só a respeito das responsabilidades empresariais e non políticas

Neste senso, Feijóo considerou que esta fora unha oportunidade perdida para reclamar sancións económicas aos que, para el, son os únicos responsábeis da catástrofe: "a clasificadora, a aseguradora e o armador" do barco. 

O presidente da Xunta dixo partillar "a grande decepción" que sente a cidadanía porque "ten que haber quen pague os danos dunha chatarra", no entanto, obviou pronunciarse a respeito das decisións que naquela altura adoptaran as autoridades gobernamentais galegas e españolas e que desde a Plataforma Nunca Máis coidan as principais responsábeis de que o accidente do petroleiro deviñese na maior catástrofe ecolóxica do Estado. 

Comentarios